O PP renuncia a reclamar os dereitos e deberes que lle corresponden ao Concello no caso Someso
A Coruña, 14 de xaneiro de 2013.- Nunha nova xogada mediática, o Goberno municipal deu a coñecer esta mañá en Pleno a súa nova estratexia no caso Someso, para desviar a atención do incumprimento das súas obrigas legais como Administración e da súa inacción contra os promotores urbanísticos, algo que impide recuperar os bens e dereitos que lle corresponden ao Concello. No lugar de proceder á revisión de oficio de actos e acordos ilegais de execución do Plan Parcial de Someso e a incoación do procedemento de reclamación das responsabilidades derivadas da perda de dereitos económicos por apropiación indebida por promotoras de bens e dereitos do Concello (tal e como lle pedía o BNG na moción presentada), o Goberno do Sr. Negreira decidiu solicitarlle ao secretario municipal (anexo I en que se achega decreto de Alcaldía) certificado aclaratorio da existencia e validez das certificacións da Secretaría Xeral, que o informe municipal de 15 de xuño de 2012 considera irregulares por non ser asinadas polo secretario xeral.
A revisión de sentenzas ante o Tribunal Supremo e a verdadeira causa de reversión
Con esta medida, o Goberno municipal sondea formular perante o Tribunal Supremo un recurso de revisión de sentenzas firmes ao que fai referencia o artigo 102 da Lei Reguladora da Xurisdición Contencioso Administrativa (que na súa letra b) sinala Si hubiere recaído en virtud de documentos que, al tiempo de dictarse aquélla, ignoraba una de las partes haber sido reconocidos y declarados falsos o cuya falsedad se reconociese o declarase después), segundo se evidencia en informe de Asesoría Xurídica de 14 de novembro de 2012 (que se achega como anexo II). E isto, sobre a base de entenderse por parte do Goberno municipal que non houbo expropiación senón compravenda das fincas, razón pola que as certificacións municipais, irregulares segundo o informe municipal, que falan de expropiación están mal porque deberían falar de compravenda. Deste xeito, sobre a base dunha declaración de falsidade destes documentos por parte do secretario, preténdese que o Tribunal Supremo revise as sentenzas que xa son firmes e fronte ás cales non cabe recurso de casación. Con todo, esquece o Goberno municipal que pouca trascendencia poderá ter esta nova declaración se non se revisan de oficio as actas de pago e de ocupación por avinza, correspondentes ao título de adquisición.
Mais esta nova estratexia quere pasar por alto, outra vez, que a causa do pago das indemnizacións foi a reclasificación urbanística dos terreos aprobada no PXOM de 1998 e desenvolta no Plan Parcial de Someso, algo sobre o que o propio informe municipal de 15 de xuño de 2012 tampouco fai mención. Foi este cambio de uso e destino urbanístico o que deu lugar a recoñecer o dereito de reversión dos propietarios e o posterior pago da indemnización substitutoria, segundo sinalan as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (entre outras, a de 7 de abril de 2008, que, logo de afirmar que os terreos foron expropiados para a realización dunhas obras moi concretas, sinala que as «obras proyectadas que no llegaron a hacerse en las mismas, al acabar incluyéndose esos terrenos en el Proyecto de Compensación del Sector 7 del Recinto Ferial, según se acredita con la correspondiente ficha del PGOM de A Coruña, que establecía para ellos el uso global residencial»).
Non é unha potestade, é un deber: incumprimento municipal das obrigas legais de revisar de oficio os actos e acordos de execución do Plan Parcial de Someso e de actuar contra os promotores que achegaron como propios bens do Concello e que incumpriron as condicións de venda do patrimonio municipal
Con esta medida, coa que se pretende que o Tribunal Supremo revise as sentenzas condenatorias ditadas, o Goberno municipal do PP quere evitar as obrigadas e necesarias revisión de oficio dos actos e acordos de execución do Plan Parcial de Someso e de venda ilegal do patrimonio municipal, e a actuación contra os promotores que achegaron como propios bens do Concello e que incumpriron as condicións de venda. Se o informe municipal evidencia que hai actos que son irregulares e nulos de pleno dereito e que causan lesión ao patrimonio municipal, non se entende que o Goberno municipal non actúe en consecuencia. Malia o que poida entender o Goberno municipal, non se trata dunha potestade, senón dun deber, de inescusábel cumprimento.
O Concello da Coruña está obrigado legalmente a revisar aqueles actos administrativos que son nulos de pleno dereito e a proceder contra aqueles promotores que aportaron como propios bens que son do Concello da Coruña. Para tales efectos, convén lembrar o artigo 9.2 do Real Decreto 1372/1986, de 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais («as entidades locais teñen a obriga de exerceren as accións necesarias para a defensa dos seus bens e dereitos»), o artigo 28 da Lei 33/2003, de 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas («as Administracións públicas están obrigadas a protexer e defender o seu patrimonio. A tal fin, protexerán adecuadamente os bens e dereitos que o integran, procurarán a súa inscripción rexistral, e exercerán as potestades administrativas e accións xudiciales que sexan procedentes para isto»), e por último, o artigo 102.1 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedimento Administrativo Común («as Administraciones públicas, en calquera momento, por iniciativa propia ou a solicitude de interesado, e previo dictame favorable do Consello de Estado ou órgano consultivo equivalente da Comunidade Autónoma, se o houber, declararán de oficio a nulidade dos actos administrativos que teñan posto fin á vía administrativa ou que non teñan sido recorridos en prazo, nos supostos previstos no artigo 62.1»).
Deste xeito, o Goberno do Sr. Negreira négase ao fundamental e trascendental en Someso que son as tres seguintes actuacións, todas elas recollidas na moción levada a Pleno polo BNG (que non prosperou polos votos en contra do PP e pola abstención do PSOE):
En primeiro lugar, proceder á revisión de oficio do proxecto de compensación do Sector 7, tendo en conta que está demostrado que houbo sociedades que se apropiaron privativamente de bens patrimoniais do Concello. En segundo lugar, debería proceder á revisión de oficio dos acordos de venda de patrimonio municipal feito sen o correspondente concurso público. E, en terceiro lugar, debe actuar tamén contra os promotores que se apropiaron de bens que son propiedade municipal (fincas adquiridas polo Concello para os accesos a Pocomaco e para a construción do campo de fútbol), reclamándolles os dereitos económicos compensatorios que ten como propietario, alén de proceder contra os que incumpriron as condicións de venda de 2004, facendo extensiva esta reclamación económica contra a familia Catoira/Yordi, en tanto en canto queda acreditado no Informe que o Concello tivo unha lesión patrimonial coa entrega a esta familia dos 14.000 m2 de aproveitamento para vivenda libre.
O BNG non descarta acudir ao Tribunal de Cuentas se non o fai o Goberno municipal
O Goberno municipal debe deixar de enredar e ir directamente ao Tribunal de Cuentas, dada a existencia de lesión patrimonial para a facenda municipal. Do contido do informe municipal emitido constátase unha lesión económica á facenda municipal, constitutiva dun susposto de responsabilidade contábel. Este dano patrimonial é independente da existencia ou non de responsabilidades penais, polo que non hai cuestión prexudicial e incidental penal que poida constituír elemento previo necesario para a declaración de responsabilidade contábel. Visto que o propio Goberno municipal lle recoñeceu ao BNG no Pleno que hai compatibilidade da acción penal coa xurisdición contábel do Tribunal de Cuentas, o Concello da Coruña debe pór os feitos en coñecemento deste tribunal e debe facelo de inmediato. É máis, non só é compatíbel coa vía penal, senón que a xurisdición contábel é preferente sobre a penal en materia de responsabilidade civil derivada da lesión patrimonial ocasionada á facenda municipal, razón pola cal a xurisdición contábel é competente para fixar o importe dos danos e prexuízos ocasionados ao Concello polas actuacións de Someso. De non facelo o Goberno municipal, non descarta facelo o propio BNG.
A lexislación reguladora do Tribunal de Cuentas e da súa actuación é moi clara ao respecto. Abonda lembrar o disposto nos artigos 17 e 18 da Lei Orgánica 2/1982, de 12 maio, do Tribunal de Cuentas, que declaran:
Artigo 17
Uno. La jurisdicción contable es necesaria e improrrogable, exclusiva y plena.
Dos. Se extenderá, a los solos efectos del ejercicio de su función, al conocimiento y decisión en las cuestiones prejudiciales e incidentales, salvo las de carácter penal, que constituyan elemento previo necesario para la declaración de responsabilidad contable y estén con ella relacionadas directamente.
Tres. La decisión que se pronuncie no producirá efectos fuera del ámbito de la jurisdicción contable.
Artigo 18
Uno. La jurisdicción contable es compatible respecto de unos mismos hechos con el ejercicio de la potestad disciplinaria y con la actuación de la jurisdicción penal.
Dos. Cuando los hechos fueren constitutivos de delito, la responsabilidad civil será determinada por la jurisdicción contable en el ámbito de su competencia.
E tamén, compre lembrar o establecido no artigo 49.3 da Lei 7/1988, de 5 de abril, de Funcionamento do Tribunal de Cuenta, que declara.
Cuando los hechos fueren constitutivos de delito, con arreglo a lo establecido en el artículo 18.2 de la Ley Orgánica 2/1982, el Juez o Tribunal que entendiere de la causa se abstendrá de conocer de la responsabilidad contable nacida de ellos, dando traslado al Tribunal de Cuentas de los antecedentes necesarios al efecto de que por éste se concrete el importe de los daños y perjuicios causados en los caudales o efectos públicos.