Solana-O Parrote: outro cambiazo do PEPRI imposto a última hora polo PP
A Coruña, 16 de decembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia outro cambiazo imposto de última hora por parte do Goberno Local, o pasado 31 de outubro de 2015, no documento para aprobación provisional presentado polo equipo redactor do Pepri quince días antes: o da Solana-Parrote.
Trátase de cambios en virtude dos cales o PEPRI modifica o Plan Especial da Zona de Servizo do Porto da Coruña para legalizar o viario e aparcadoiro soterrado do Parrote e da Mariña, e modifícase o planeamento para o axustar á licenza de ampliación da Solana.
Así, o PEPRI modifica o Plan Especial do Porto (PEOZOS) mudando a normativa urbanística aprobada inicialmente para prever expresamente, no artigo 148 (Ordenanza de Espazos Libres e Zonas Verdes Públicas), a posibilidade de usos no subsolo de espazos libres de infraestruturas (viario) e aparcadoiro subterráneos, legalizando desta maneira o viario e o aparcadoiro do Parrote e da Mariña. En concreto o artigo 148 sinala: Baixo as zonas verdes e espazos libres de titularidade pública non incluídos no catálogo de protección, permítese a implantación de infraestruturas, equipamentos e aparcadoiros de titularidade pública no subsolo, condicionando en todo caso aos resultados da intervención arqueolóxica. Alén disto, na Disposición Final Primeira (Plan Especial da Maestranza. API-H4.01, A.D.12/12/94) da normativa urbanística recóllese coa aprobación provisional que se inclúe nos planos de cualificación urbanística o viario do Parrote e a intervención na rotonda das Ánimas, concretamente di:
Plan Especial de Ordenación da Zona de Servizo Portuaria da Coruña. API-P22, PEOZOS A.D. 12/12/94.
Manterá a súa ordenación e determinacións coas seguintes modificacións:
a) modifícase o deseño previsto no PEOZOS tal e como se sinala no plano 3. CUALIFICACIÓN follas 15 e 16, a cualificación urbanística do ELV grafado entre a muralla, peirao das Ánimas e a Solana, permitindo conectar o Paseo do Parrote directamente co Paseo Marítimo.
O cambiazo do Goberno Local tamén conlevou a modificación do planeamento para legalizar o estabelecido en relación coa Solana. E é que no seu día outorgouse licenza municipal para ampliación das súas instalacións e agora múdase o planeamento para o axustar á licenza. Así se precisa no propio Informe municipal do pasado 31 de outubro cando sinala sobre o artigo 148 (ordenanza de espazos libres e zonas verdes públicas):
Art. 148: El título se refiere exclusivamente a las zonas verdes públicas, sin embargo también existen zonas verdes privadas (p.e. La Solana). La regulación de los espacios libres destinados a parques deportivos debería de ser igual a la prevista en el PGOM, o bien remitirse a ella, con la finalidad de posibilitar la ejecución de las obras con licencia municipal en la Solana o la realización de determinadas actuaciones sobre el equipamiento de la Hípica militar (está regulado na D.A. 1ª).