Para impedir o peche de Alcoa, o BNG dá a batalla por unha tarifa eléctrica galega máis barata

Para impedir o peche de Alcoa, o BNG dá a batalla por unha tarifa eléctrica galega máis barata

electricaA Coruña, 16 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera intolerábel a falta de iniciativa política do Goberno do Sr. Negreira e de Feijóo á hora de impulsar unha tarifa eléctrica galega que impida o peche de empresas como Alcoa e á hora de reclamar a paralización do ERE, de modo que se defendan os intereses dos traballadores, sobre os que pesa un anuncio de despedimento colectivo que lle afectaría a un total de 400 traballadores. Así, as nacionalistas reivindican o exemplo do caso vasco, que negociou un marco específico enerxético que lle permite aforrar 2.000 millóns de euros anuais na tarifa eléctrica.

O Bloque Nacionalista Galego seguirá a dar a batalla para converter a electricidade en prioridade do debate político, dado que Galiza, país excedentario que exporta o 40% da enerxía eléctrica que produce, non pode aturar a imposición por parte do goberno do PP dunha política eléctrica feita á medida dos oligopolios madrileños que nos condena ás tarifas máis altas de Europa e que conduce a empresas como Alcoa ao peche. Para mudar a situación, o BNG está a presentar nas distintas administracións iniciativas co fin de reclamar unha tarifa eléctrica que desconte os custes de transporte e da perda de enerxía durante ese transporte, o que suporía unha redución do 30-35% do prezo actual da enerxía eléctrica.

O BNG interpela mañá o ministro de Industria sobre o peche da planta coruñesa de Alcoa e o presidente da Xunta sobre a situación enerxética de Galiza

Precisamente, a deputada do BNG Rosana Pérez dirixirase mañá ao ministro de Industria na sesión de control ao Goberno para o interpelar sobre as consecuencias negativas do novo sistema de interrumpibilidade eléctrico para industrias de grande importancia para Galiza como Alcoa A Coruña e Megasa Siderúrgica en Ferrolterra. Así, será o BNG a única organización que poña a planta coruñesa de Alcoa no centro do debate político. Amais da cuestión do sistema de prezos eléctricos, Rosana Pérez fará unha defensa férrea dos postos de traballo de Alcoa A Coruña. A sesión de control empeza ás 9 horas coas preguntas a Ministros e Ministras e continúa ás 11 horas coas interpelacións, entre elas a do BNG.

Tamén mañá, a partir das 10h, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, formularalle ao presidente da Xunta de Galiza unha pregunta para a resposta oral sobre a situación enerxética de Galiza.

 

Para impedir o peche de Alcoa, o BNG dá a batalla por unha tarifa eléctrica galega máis barata