O Sr. Negreira estima unha alegación ao Sr. Cañete para poñer toldos en locais de hostalaría
A Coruña, 18 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG advirte dun novo exemplo que demostra que o Goberno do Sr. Negreira estima as alegacións ao PEPRI dos poderosos e dos seus achegados, facendo deste un documento á carta. É o caso da alegación nº 184, presentada polo presidente da Asociación Provincial de Hostelaría, o Sr. Cañete, ao que o Goberno local lle acepta a colocación de toldos nos estabelecementos hostaleiros, despois de que non se permitiran no PEPRI aprobado inicialmente.
Así, a normativa urbanística do documento aprobado inicialmente recollía no seu art. 123 Toldos e marquesiñas que non se autorizan nin marquesiñas nin toldos e só recolle unha excepción caso dos toldos enrollábeis en locais de planta baixa cando concorran unhas circunstancias concretas. Porén, o Goberno do Sr. Negreira rectificou e permite a colocación de toldos.
O informe á alegación do Sr. Cañete ao que tivo acceso o Grupo Municipal do BNG estima a petición do hostaleiro de modo que o art.123 da normativa urbanística pasa de advertir de que Non se autorizan nin marquesiñas nin toldos a recoller que Os toldos poderán ser autorizados polo Concello de acordo co estabelecido na correspondente Ordenanza Municipal. Indícase a maiores que non se aceptan as marquesiñas.