Solana e hotel Finisterre: o BNG advirte dunha grande operación de venda destes terreos
A Coruña, 24 de outubro de 2014.- Detrás dos cambiazos do PXOM e do cambio de titularidade da concesión do hotel Finisterre e da Solana, está a preparación dunha grande operación de venda destes terreos para resolver os problemas de financiamento de Autoridade Portuaria, segundo manifestou hoxe o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, en rolda de prensa. Así, Autoridade Portuaria pode vender directamente sen subasta pública estes terreos ao titular da concesión, moi singularmente o terreo do propio hotel, configurado como un soar propio no cambiazo de público a privado. Por todo isto, é a propia Autoridade Portuaria quen debe clarexar que hai detrás de todas estas operacións e confirmar se ten a intención de vender estes terreos para resolver os seus problemas de financiamento.
O cambiazo do PXOM e a súa configuración como un soar propio na operación de cambio dos terreos de dotacional público a dotacional privado
Carril expuxo que os terreos da Solana e do hotel Finisterre tanto no Pepri como no PXOM 1998 estaban considerados como dotacional público e cando se aprobou o PXOM inicialmente, en 2009, seguían figurando como dotacional público (achégase plano dixitalizado do PXOM aprobado inicialmente).
Mais cando chega o PXOM ao pleno de agosto de 2012 hai un cambiazo, pasando os terreos de dotacional público a privado.
E ademais, o terreo do hotel exclúese neste cambiazo de público a privado, configurándose como un soar propio, fóra xa deste espazo de equipamento dotacional (antes público e agora privado), incrementándose exponencialmente o seu valor económico (achégase plano dixitalizado do PXOM aprobado definitivamente).
Autoridade Portuaria pode vender directamente, sen poxa pública previa
Carril explicou que o cambio de titularidade da concesión dos terreos (terreos propiedade de Autoridade, concesionados a unha entidade privada) anunciada estes días está amparada na última renovación de 21 de decembro de 2001 (achégase dixitalizada) que permitía que Finisterre S.A., que é a anterior titular da concesión, puidese transpasar, ceder ou substituír a titularidade da concesión, que foi o que fixo.
Neste acordo de renovación, sinalou o portavoz nacionalista, xa se permitía a enaxenación dos bens obxecto da concesión a través de subasta pública, outorgándolle ao titular da concesión o dereito de adquisición preferente nas mesmas condicións que figuraban na mellor oferta realizada no procedemento de subasta pública previa. Noutras palabras, era necesario unha subasta pública previa, de modo que o titular da concesión podería adquirir estes bens pagando o prezo económico que viñera na mellor oferta recibida no procedemento de subasta pública.
Mais en 2003 apróbase a Lei 33/2003, de 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas (achégase copia dos artigos que interesan), que permite á administración pública titular de bens que estean cesionados adxudicar directamente sen subasta pública os terreos. De modo que, na actualidade, Autoridade Portuaria podería vender directamente, sen subasta pública previa os seus bens patrimoniais aos titulares de concesións outorgadas cando estes bens tiñan a condición de demaniais. E na medida en que os terreos da Solana e do hotel Finisterre foron no seu día bens demaniais ocupados en réxime de concesión, de acordo con esta lei, é posíbel a súa venda directa sen subasta previa ao titular actual da concesión.
Autoridade Portuaria debe clarexar xa que hai detrás de todo isto e confirmar se ten intención de vender ou non para resolver os seus problemas de financiamento
Finalmente, Xosé Manuel Carril sinalou que detrás dos cambiazos do PXOM e detrás do cambio de titularidade da concesión o que hai realmente é a preparación dunha grande operación de venda dos terreos sen subasta pública previa por parte de Autoridade Portuaria ao novo titular da concesión para financiar os grandes problemas económicos que ten Autoridade Portuaria como ben reflicten as súas contas de 2013, publicadas no BOE do pasado 10 de outubro de 2014. As contas do exercicio pasado son negativas ao rexistraren perdas por valor de 722.049,99 euros e poderían ser moito peores e con maiores perdas de non incluíren a subvención 7.678.721,13 euros do Concello da Coruña e da Xunta de Galiza para financiar o viario subterráneo do Parrote. De modo que, sinalou o nacionalista, Autoridade Portuaria debe clarexar xa que hai detrás de todo isto e confirmar se ten a intención de vender estes terreos para resolver os seus problemas de financiamento.