O sumario da Operación Zeta evidencia a estreitísima relación de Negreira con Crespo
A Coruña, 24 outubro de 2014- En resposta ás preguntas dos medios sobre a Operación Zeta, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, quen fixo fincapé en que hai que partir da base da presunción da inocencia de todas as persoas, reivindicou máxima transparencia, máxima colaboración, mais tamén, máximas explicacións, pois, tal e como apuntou, do sumario desta operación se desprende que había unha estreita, por non dicir estreitísima relación, entre o Sr. Negreira e o Sr. Crespo, unha relación con múltiples repercusións en contratacións, movementos veciñais...
Así, Carril salientou que o sumario evidencia certas actuacións políticas que implican certas responsabilidades políticas. Citou, en primeiro lugar, a estreita relación entre o alcalde e o Sr. Crespo. En segundo lugar, referiuse a que o sumario pon de manifesto o xa anteriormente denunciado polo Bloque, que o movemento veciñal estaba a ser obxecto de división como consecuencia da aparición dun novo movemento veciñal que estaba a artellar o Partido Popular. Este novo movemento veciñal, sinalou, foi montado polo PP, única e exclusivamente, para acalar a crítica que puidese vir desde o movemento veciñal clásico, que sempre foi moi reivindicativo. E, en terceiro lugar, insistiu en reclamar que por parte do Concello, non só do actual goberno, senón dos anteriores, se ten que facer acopio de todas as relacións que tivo coas empresas e asociacións do grupo do Sr. Crespo, ben sexa a través de contratos ou de subvencións, para poñelas a disposición xudicial.
Por último, o portavoz do Grupo Municipal do BNG advertiu de que o sumario tamén evidencia que hai presuntas irregularidades no financiamento de determinados cursos e tamén no financiamento do Partido Popular. Engadiu que as responsabilidades legais están a seren estudadas por parte dos tribunais e aseverou que as responsabilidades políticas, que as hai, salientou, terían que empezar a depurarse.