O BNG exixe o arranxo de toda a rúa Observatorio e non só dunha parte
A Coruña, 26 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que as obras municipais que se están a acometer na rúa Observatorio, para a que o Goberno municipal anunciara un proxecto de reforma, non atinxen a totalidade a rúa, pois non se intervén no tramo que vai desde a altura da rúa Gil Vicente até o cruzamento coa rúa Canceliña. As nacionalistas advirten de que a memoria do proxecto sinala que estas obras van alén de melloras puntuais de accesibilidade, xa que pola configuración da rúa se fai necesaria unha reforma integral. Porén, como denuncian, parte da rúa queda sen reformar.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG faise eco das demandas da veciñanza que reclama o soterramento da caixa con aparellos tecnolóxicos que invade a beirarrúa á altura do número 1 da rúa. Precisamente, os veciños e veciñas xa lles demandaran unha solución ás concelleiras de barrio que foron de paseo á zona cando se anunciaron as obras, mais as edís contestaron que a caixa non tiña solución, xa que regulaba o sistema semafórico. O BNG, que informa as concelleiras de barrio de que a rúa Observatorio carece de semáforos, insiste en reclamar o necesario soterramento deste colector quen ben contén instalacións eléctricas ou ben contén instalacións semafóricas.
Diante da necesidade de que se renove toda a rúa Observatorio e de que se soterre a citada caixa, o Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha serie de preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer cales son as razóns polas que non se desenvolven as obras en toda a rúa e para saber que ten pensado facer o Goberno do Sr. Negreira en relación co colector que invade o inicio da rúa Observatorio.
O BNG exixe a renovación da rúa Páramo
Ademais, o Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa co fin de que o Goberno do Sr. Negreira responde ás demandas da veciñanza da rúa Páramo e das persoas comerciantes e clientes desta rúa, que están a recoller sinaturas para que se renove esta vía. En concreto a veciñanza, que denuncia o grave deterioramento que parece a rúa, exixe o ensanchamento das beirarrúas, a renovación do pavimento, o arranxo da rede de sumidoiros, o mantemento das dúas beiras da calzada para o estacionamento en superficie e mais a plantación de árbores ao longo da rúa.
Facéndose eco destas demandas, as nacionalistas pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira se é coñecedor das peticións da veciñanza, do comercio e da clientela, se prevé darlle resposta a estas peticións e renovar, así, a rúa Páramo e, en caso afirmativo, cando prevé facelo.