A responsabilidade patrimonial na Escola de Náutica, outra lacra do vazquismo

A responsabilidade patrimonial na Escola de Náutica, outra lacra do vazquismo

A Coruña, 15 de setembro de 2012.- En relación coa polémica xenerada entre o PP e o PSOE a raíz da Sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, que declara a responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña por imposibilidade material de materializar o aproveitamento recoñecido nun Convenio urbanístico do ano 2000, o Grupo Municipal do BNG fai as seguintes aclaracións.

En primeiro lugar, resulta inaudito que un Goberno local, que fai ben pouco tempo se fachandeaba de aprobar definitivamente a tramitación da urbanización do polígono da Escola de Náutica e de outorgar as licenzas de obras, esixa agora responsabilidades políticas por unha sentenza que recoñece unha reclamación patrimonial da cal era perfectamente coñecedora, non só porque o proceso xudicial estaba pendente de sentenza cando se declarou a firmeza da reparcelación dos terreos e se outorgaron as licenzas, senón porque o actual director de urbanismo, Sr. Otero Grille, a través do Grupo Tau (equipa redactora da urbanización vixente, aprobada no 2007), coñecía perfectamente a situación.

O BNG precisa que a causa da responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña está nun Convenio urbanístico do 2000

Así, o Goberno local debería explicarlle á cidadanía coruñesa como é que, sabendo que, segundo declara e ao seu parecer, os reclamantes tiñan razón, aprobaron a firmeza da reparcelación dos terreos, outorgaron as licenzas e non negociaron cos reclamantes antes de dita sentenza.

En segundo lugar, segundo este sentenza, a verdadeira e a única causa pola que se condena por responsabilidade patrimonial ao Concello da Coruña está no convenio urbanístico do ano 2000 (formalizado en escritura pública no ano 2002), en pleno apoxeo do vazquismo, polo que se permutaban terreos privados por recoñecemento de aproveitamento urbanístico de 3, 2555 m2 en parcelas municipais. Aproveitamento que non puido materializarse debido a que terreos que o Concello da Coruña consideraba municipais (dotacións locais destinadas a viarios) seguían sendo de propiedade privada.

A modificación do PXOM do 2002, co voto en contra do BNG e apoiada cos votos de PP e PSOE e, posteriormente non aprobada definitivamente pola Xunta, prevía un mamotreto de 27 plantas

Segundo esta sentenza, a causa da responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña non está na negativa da Xunta de Galiza de aprobar a modificación parcial do PXOM de 1998, aprobada en sesión plenaria do día 13 de maio de 2002 cos votos a favor do PSOE e do PP, cos únicos votos en contra do BNG.

Esta modificación puntual, que paradoxalmente agora é causa da polémica xenerada entre o PSOE e o PP (que votaron a favor sen cuestionar en ningún momento a súa ilegalidade), propoñía unha torre de 27 plantas na zona de San Roque. Como se pode apreciar na acta desta sesión plenaria, o único Grupo Municipal que se opuxo a esta modificación foi o BNG, quen xa cualificaba de mamotreto este edificio, alén de insistir no feito de que, como logo se confirmou, era ilegal por alterar a normativa do PXOM de 1998.

A urbanización vixente do polígono da Escola de Nautica foi redactada polo Grupo TAU, no que participaba o actual Director de Urbanismo

En terceiro lugar, a conclusión da tramitación administrativa do planeamento do POL F5.01 (Escola de Náutica) prodúcese por decisión do actual Goberno local do PP con ostentación fachendosa, a pesar de que era coñecedor da pendencia da sentenza do recurso contencioso-administrativo sobre responsabilidade patrimonial que agora acaba de fallar o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña. Na Xunta de Goberno Local do día 15 de maio de 2012 apróbase a «Resolución dos recursos de reposición interpostos contra o acordo de aprobación definitiva do proxecto de compensación do polígono F5.01 "Escola de Náutica", Resolución do recurso de alzada contra o acordo da asemblea da Xunta de Compensación de data 14 de decembro de 2011 e declaración de firmeza do acto de aprobación definitiva do proxecto de compensación do polígono F5.01 "Escola de Náutica"».

Así, cando se adopta tal acordo, o proxecto de compensación, aprobado en marzo de 2011 e declarado firme polo actual Goberno local, xa fora obxecto de recurso contencioso-administrativo. Trátase do recurso P0 437/2011, que fora interposto por un interesado diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña, segundo consta no Boletín Oficial da Provincia de 2 de abril de 2012.

A responsabilidade patrimonial na Escola de Náutica, outra lacra do vazquismo