O Goberno local, a instancias do BNG, rectifica coa pista do Barrio das Flores

O Goberno local, a instancias do BNG, rectifica coa pista do Barrio das Flores

A Coruña, 17 de setembro de 2012.- O concelleiro Xan Caxigal valora positivamente que o Goberno local, a instancias do BNG, que rexistrou unha batería de preguntas, e da veciñanza, rectifique na construción da pista polideportiva no Barrio das Flores, cuxo emprazamento inicial impedía o acceso de camións de bombeiros, ambulancias e mesmo de persoas con mobilidade reducida.

Caxigal advirte nesa rectificación unha deficiente xestión da Concellaría de Deportes, ao precipitarse na execución das obras, "as présas por executar a partida orzamentaria de investimentos levou o Goberno do Sr. Negreira, cun nivel de execución de obras baixísimo, a construír esta pista con deficiencias". Sinala tamén que a premura nesta obra "responde á pretensión do Sr. Negreira de inaugurar unha infraestrutura no Barrio das Flores en campaña". "Esperemos que esta rectificación, por mor da deficiente xestión do Goberno local, non incremente os gastos desta obra", engade.

Caxigal sinala que a construción desta pista é necesaria, mais sempre e cando se garanta accesibilidade. A este respecto, chama a atención sobre "a obsesión do Goberno do Sr. Negreira por destruír a mediana da Avenida de Oza, só para cumprir unha promesa electoral, sen responder a razóns técnicas nin de seguridade" e sobre "o desleixo do Goberno do Sr. Negreira no Barrio das Flores, coa construción dunha pista que impedía o acceso ás vivendas das rúas Camelias, Petunias e Lirios".

Pola outra banda, o concelleiro do BNG lembra que o emprazamento da pista, elixido polo Goberno local, incumpre o PXOM en vigor e mais o PXOM aprobado provisionalmente o pasado mes no Pleno municipal ao estar construída sobre un viario.

Por último, Caxigal apunta que "agora só falta que o Goberno do Sr. Negreira cumpra cos veciños e veciñas e acometa todas as obras prometidas, porque"nada hai da mellora de pavimentación nas calzadas, que seguen co firme deteriorado; tampouco se acondicionaron as beirarrúas que se atopan en mal estado; non se renovaron os colectores do lixo; non se puxeron á disposición da cidadanía novos puntos de recollida selectiva e non se melloraron as baixantes de pluviais nin os sumidoiros". Precisamente, o concelleiro nacionalista presentou outra batería de preguntas para a resposta escrita sobre estas cuestións.

 

O Goberno local, a instancias do BNG, rectifica coa pista do Barrio das Flores