As ideas de Pedro Galán son as ideas do BNG: soberanía, democracia e traballo
A Coruña, 15 de setembro de 2012.- "Se Pedro Galán fose hoxe mozo, sería un veciño máis de Monte Alto, onde viviu hai máis de 70 anos. Formaría parte do tecido asociativo e veciñal da Coruña. Sería, como o foi en vida, un mozo politicamente activo. Tería moitas posibilidades de ser un universitario ameazado cunha suba de taxas, ou sería un dos 125.000 novos parados galegos deste trienio negro de Feijoo. Mesmo é posíbel que Pedro formase parte dun dos EREs que con man firme autorizou Beatriz Mato, a persoa a quen Feijóo e Negreira premian co 1º posto na candidatura do PP na Coruña".
Así comezaba o candidato do BNG ao Parlamento galego pola Coruña, Suso Bermello, a súa intervención na ofrenda floral que o grupo de barrio do BNG de Monte Alto e Galiza Nova celebraron en honor ao secretario de Organización das Mocidades Galeguistas da Coruña (A Coruña, 1917-A Corveira, 1936), asasinado a mans dos franquistas.
A vixencia de Pedro Galán Calvete, por Suso Bermello
Cun acertado paralelismo coa actualidade, Bermello imaxinou a un Pedro Galán "cunha destacada actividade cultural que non gozaría dos parabéns de quen rexe a política cultural da cidade, ao consideralo demasiado gallego", dixo, en alusión á concelleira Ana Fernández. "Portamos con orgullo a semente, a lembranza, a lección de Pedro Galán Calvete. E facémolo nunha cidade gobernada polos que defenden a memoria baixo palio dos que mancharon as mans co sangue de Pedro. Gobernados por quen cre que Millán Astray é un "coruñés de toda la vida" e que hai que manter as honras aos asasinos", criticou.
Bermello apela a facer fronte ao descrédito da política: "non somos iguais que quen impuxo as reformas laborais, das pensións ou condenaron o naval"
O candidato nacionalista advertiu "dun dos perigos aos que nos enfrontamos aquelas persoas que, como fixo Pedro Galán, acreditamos na intervención social e política: o descrédito da política e a indiscriminada igualación dos políticos". "Ao igual que os nacionalistas dos anos 60 non eran iguais aos franquistas, os representantes do BNG non son iguais que quen impuxo as reformas nas pensións, condenaron o naval a non producir ou quen afogaron as clases traballadoras con contrarreformas laborais", salientou. "As xentes do BNG non recortamos prazas de profesorado, non pechamos quirófanos nin deixamos sen paga extra aos empregados públicos, nin tampouco atendemos os cantos de serea do FMI, o BCE, da santa troika", engadiu.
A continuación, apelou á soberanía, porque "o noso país non ten futuro senón pode decidir o seu propio rumbo". "As políticas do PP, desde a intervención nas finanzas autonómicas á redución de competencias en ámbitos tan importantes como a educación, amosan un camiño negro para Galiza, mais a recentralización non só vén desde a dereita, tamén se irradia á esquerda española, tanto do PSOE como IU, que seguen sen entender o carácter plurinacional do Estado español", apuntou. "Non pode haber soberanía sen democracia, nin democracia sen soberanía", engadiu.
"Botar o PP, significa votar o BNG"
Bermello afirmou que "botar o PP, significa votar o BNG", "ou un papel determinante do nacionalismo ou catro anos máis de barbarie", ilustrou. "Fronte a representantes institucionais que actúan como efémeros monicreques, o BNG aposta firmemente pola recuperación da democracia, da recuperación do papel do pobo na toma de decisións e da supremacía das decisións políticas en favor das maiorías sociais sobre as chantaxes especuladoras do gran capital", salientou.
"E non podemos falar de democracia sen traballo estábel, sen salarios dignos, sen garantir uns servizos públicos de calidade, sen procurar un sistema de benestar e protección social, no marco dunha política que poña fin ao déficit social que Feijoo deixa como lastre", concluíu.
Galiza Nova recolle a semente de Pedro Galán Calvete
Tamén interviñeron neste acto, que contou coa presenza dos e das concelleiras do BNG, a responsábel local e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Alba Sánchez e Daniel García, que puxeron de manifesto que a mocidade nacionalista recolle a semente de Pedro Galán Calvete e que salientaron a necesidade o exercicio pleno da soberanía nacional, "porque só desde a liberdade poderemos pórlle freo ao imperialismo económico, político e cultural".
Galiza Nova recolle o testemuño de Pedro Galán Calvete
"Seguindo o seu exemplo, faremos realidade o noso soño", expresaron. Precisamente, a organización nacionalista, que asegurou sentirse identificada con Pedro, agasallou as persoas que asistiron o acto cun audiovisual sobre a vida do homenaxeado.
Pilar García Negro reclama a soberanía nacional: "non somos clons de ninguén"
Ademais, o acto contou coa intervención de Pedro Galán Horro, sobriño do homenaxeado, que agradeceu a organización desta lembranza, e de Pilar García Negro, ex deputada do BNG no Parlamento de Galiza, profesora da UdC e escritora. Antes de ter lugar a ofrenda floral, Pilar García Negro levou os e as presentes ao contexto en que viviu Pedro Galán. E fíxoo na Praza de María Pita, ao pé das Escolas de Ensino Primario en Galego fundadas por Ánxel Casal.
Así, a profesora da UdC percorreu desde as Irmandades da Fala até que o corpo de Casal, elixido alcade de Santiago de Compostela, apareceu nunha cuneta en Cacheiras (Teo). O impulsor da revista Nós foi o mentor de Pedro Galán, en quen deixaría unha fonda pegada. Tamén lembrou Pilar García Negro a Xenaro Mariñas del Valle e a súa obra Amarga Memoria, "onde late quente a palabra de Xenaro sobre o seu amigo Pedro".
Pilar García Negro finalizou a súa intervención cunha apelación á soberanía nacional, "non somos clons de ninguén" e cunha fonda crítica contra o neoliberalismo, que está a deixar na miseria a tres cuartas partes da humanidade".