O PXOM estaba tan mal feito que nin a Xunta do PP lle deu o visto e prace
A Coruña, 13 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o PXOM do Sr. Negreira estaba tan mal feito que nin a Xunta de Galiza do propio PP lle deu o visto e prace. De aí que os nacionalistas cualifiquen a tramitación do plan xeral por parte do Goberno municipal como "un fracaso estrepitoso e monumental".
En primeiro lugar, os nacionalistas lembran que xa puxeran de manifesto que o documento do PXOM levado a Pleno e enviado á Xunta de Galiza estaba ateigado de erros e imprecisións sobre planos e fichas, e mesmo recollía anotacións feitas a man. De feito, nin no documento levado a Pleno nin no colgado, posteriormente, na páxina web do Concello se incorporaban as correccións sinaladas polos técnicos municipais. Precisamente, os nacionalistas enviaranlles estas observacións ao alcalde da Coruña nun escrito oficial, en que solicitaban que o documento colgado na web se substituíse polo documento coas correccións incorporadas e que se lle remitise á Xunta de Galiza o documento corrixido.
O BNG cualifica a tramitación do PXOM como un fracaso monumental do Goberno do Sr. Negreira
En segundo lugar, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que no documento do PXOM, tal e como sinalaran os nacionalistas, había cuestións relacionadas coa refinería de Repsol. E é que o Goberno municipal desoíu un informe técnico de 30 de xullo de 2012, encargado polos propios responsábeis municipais, no que se alertaba dos perigos da refinería e no que se impuñan restricións en vinte desenvolvementos urbanísticos a causa da servidume da refinería. Tamén fixo oídos xordos o Goberno do Sr. Negreira ás advertencias dos técnicos municipais respecto deste informe, xa que apelaban a ter en conta as condicións limitativas de usos sinalados por mor da afección da refinería.
En terceiro lugar, os nacionalistas salientan que, ante a tramitación chambona e chapuceira do Goberno do Sr. Negreira que obrigan a cambiar cuestións de fondo do documento, o PXOM terá que volver de novo a debate e aprobación provisional do Pleno para que se lle volva enviar á Xunta de Galiza. Despois, o Goberno galego terá outros tres meses de prazo para o aprobar definitivamente. O simple feito de que o PXOM teña que volver ao Pleno nun texto refundido revela que os cambios non son cuestións de forma. Trátase, salientan os nacionalistas, de cambios de fondo, cuantitativos e cualitativos, de suma trascendencia, co fin de corrixir as desfeitas do Sr. Negreira en beneficio dos grandes promotores.
A Xunta resolveu non aprobar o PXOM
O BNG engade que o Goberno municipal mente, porque sabe que o que resolve a Xunta é non aprobar o PXOM, en aplicación do artigo 85.7.B) da LOUG. O PXOM debe ser modificado e estas correccións no son intranscendentes.
Ademais, os nacionalistas sinalan que a decisión da Xunta de Galiza de botar abaixo o PXOM aprobado provisionalmente polo PP pon de manifesto o despropósito dos mamotretos de Durmideiras. Tal e como denunciara o BNG no Pleno de agosto, este agasallo aos promotores incumpre as medidas ditadas pola Unesco e contradi o informe de Patrimonio da Xunta de Galiza. Precisamente, os nacionalistas solicitaran retirar a aprobación provisional do PXOM da orde do día do Pleno de agosto por non teren os mamotretos da torre o visto e prace de Patrimonio.
(*) Art. 85.7 Lei 9/2002 :
Unha vez completado o expediente, o conselleiro ou a conselleira adoptará motivadamente algunha das seguintes decisións:
a) Aprobar definitivamente o plan. A aprobación poderá ser parcial cando as deficiencias só afecten áreas ou determinacións tan concretas que, prescindindo delas, o planeamento se poida aplicar con coherencia. A parte obxecto de reparos quedará en suspenso ata que o concello emende as deficiencias e lle remita o documento corrixido á consellaría para a súa aprobación definitiva.
b) Se non procede outorgar a aprobación definitiva, o órgano competente sinalará as deficiencias e subseguintes modificacións que procede introducir, co obxecto de que, unha vez emendadas e aprobadas polo concello, se eleve de novo o documento para a súa aprobación definitiva, agás que quedase eximido de facelo pola escasa importancia das modificacións.
c) Denegar a aprobación definitiva no caso de que o plan en tramitación se estime inviable porque as deficiencias constatadas non sexan susceptibles de emenda.
O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno que faga públicas de inmediato as causas polas que a Xunta de Galiza botou abaixo o plan.