Os orzamentos do Sr. Negreira, como as contas da leiteira: prevé gastos sen ter ingresos garantidos

Os orzamentos do Sr. Negreira, como as contas da leiteira: prevé gastos sen ter ingresos garantidos

A Coruña, 13 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG compara os orzamentos do Goberno do Sr. Negreira coas contas da leiteira, xa que prevé gastar 238 millóns sen ter asegurados nin garantidos os ingresos. Así o evidencia o interventor no seu informe, onde chega a advertir de que a previsión de ingresos é "excesiva". Ademais, o interventor cuestiona no informe a actuación do Goberno municipal en asuntos denunciados repetidamente polos nacionalistas, como é o caso da Compañía de Tranvías, do Parrote ou de Emalcsa. Tamén salienta o Grupo Municipal do BNG que as contas de 2013 non van servir para frearen as cifras alarmantes de desemprego que padecemos na Coruña, porque non insisten nin na xeración de postos de traballo nin no impulso dos sectores produtivos. De aí que os e as nacionalistas volvan chamar a cidadanía a secundar a folga xeral de mañá, mércores, e a sumarse á manifestación que sairá ás 12h da Palloza.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG denuncia as evidencias e as mentiras do Goberno do Sr. Negreira aos orzamentos e desmonta os castelos no aire creados de xeito irresponsábel polo PP.

As mentiras: 28.328.976 euros de ingresos previstos son dubidosos

En primeiro lugar, os e as nacionalistas desmaquillan os investimentos previstos polo Goberno municipal, calculados en 238 millóns, cifra que, tal e como sinala o interventor, se explica polo aumento das previsións dalgúns ingresos: 222,46 millóns (93,47% do total) representa os ingresos correntes, 4,08 millóns (1,71% do total) son ingresos de capital e o resto (4,82% do total) correspóndese coas previsións en relación ao empréstito de 11,45 millóns, que está no aire, á espera do visto e prace do Ministerio de Facenda. Trátase dunhas contas irreais porque están baseadas en estimacións, sen ningunha cautela e sen prudencia.

Ingresos correntes: impostos e participación tributos C.A.

Chaman a atención os ingresos correntes, que ascenden a 222,46 millóns de euros. As principais dúbidas xorden en relación aos 28,32 millóns que suman o Imposto de Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, o Imposto sobre Actividades Económicas e a participación en tributos da comunidade autónoma a través do fondo galego de cooperación local:

INGRESOS PREVISTOS

IIVTNU: 4.350.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 3.720.000 euros)

ICIO: 5.200.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 2.440.000 euros)

IAE: 12.220.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 11.190.000 euros)

Participación tributos C.A.: 6.558.976,14 (Facenda aínda non comunicou ningún dato sobre a achega por este concepto no 2013, polo que o Goberno municipal mantén a mesma cifra que no 2012)

Así, o Grupo Municipal alerta de que as cifras non son reais, máxime se as comparamos cos ingresos recadados nestes conceptos o ano pasado. O interventor xeral, que apela, constantemente, á cautela, pon de manifesto, en relación aos ingresos por tributos que "non se pode asegurar e garantir a viabilidade dos ingresos previstos por eses impostos que son, sen dúbida, os máis afectados pola actual situación económica". Indica que "resulta complicado concluír sobre a razonabilidade das previsións de ingresos efectuados para estes impostos debido ao alto grao de incerteza económica existente". Ademais, cualifica de "excesiva" a previsión de ingresos relativa ao ICIO.

Ingresos: as cotas do Ofimático, sen pagar polos grandes promotores

Ademais, no que ten a ver co Ofimático, os nacionalistas advirten de que o Goberno municipal volve caer un ingreso hipotético, de 5,87 millóns, elaborado en base á previsións. E é que mentres que os cooperativistas xa pagaron as cotas, os grandes promotores aínda non o fixeron. O BNG lembra que no sistema de cooperación é o Concello quen debe garantir a realidade da execución das obras e que os promotores paguen o que lles corresponde.

As evidencias: confírmanse as reiteradas denuncias do BNG

E, en segundo lugar, os e as nacionalistas poñen de manifesto que os orzamentos confirman as reiteradas denuncias do BNG en relación á Compañía de Tranvías, ao Parrote e a Emalcsa.

No que ten a ver coa Compañía de Tranvías, o propio interventor insiste no que vén denunciando o BNG: que tal e como está o sistema de concesión, canto máis soben as tarifas, maiores son as subvencións e que o Goberno municipal non subvenciona os e as usuarias, senón a Compañía de Tranvías.

En relación ao Parrote, ratifícase o que vén advertindo o BNG: non hai cartos. O interventor di no informe que o millón de euros para financiar as obras "non se axusta aos importes comprometidos no convenio asinado entre ambas as institucións", en alusión ao Concello e á Autoridade Portuaria. Sobre o IBI conxelado á Autoridade Portuaria, o Grupo Municipal do BNG respóndelle ao presidente da Autoridade Portuaria que ben que soubo facerlle as contas a Copasa. Así, os nacionalistas debullan os cálculos: ao decidir conxelarlle o IBI (mantense no 0,6%) ao Porto, o Concello deixa de ingresar 1,09 millóns. Se o Goberno municipal lle incrementase o IBI até o 1,3% (como á refinería ou ás autoestradas) recadaríase 1,09 millóns a maiores, dado que o valor catastral do porto da Coruña é de 156.615.000.

(*) IBI = tipo impositivo x Valor Catastral

IBI non recadado = (1,3 – 0,6) x 156.615.000 /100 = 1.093.305 €

Sobre Emalcsa, confírmase que é unha fonte extraordinaria de financiamento do Concello, baseándose nun sobrecusto do servizo, que lles fai pagar máis aos e ás consumidoras. Así, os 4,2 millóns previstos en ingresos procedentes de Emalcsa explícanse por unhas taxas do servizo de abastecemento e depuración por un importe moito maior ao custo real do servizo, demostrando, así, que se trata dun impostos encuberto. E é que non se trata dun imposto formalmente, mais si repercute, e moito, nos petos da cidadanía.

 

Os orzamentos do Sr. Negreira, como as contas da leiteira: prevé gastos sen ter ingresos garantidos