A proba do abandono dos barrios é que hai lugares, como as Xubias, que carecen de saneamento
A Coruña, 14 de xaneiro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG sinala que a proba evidente do abandono dos barrios e da falta de investimento neles por parte do Goberno do Sr. Negreira é que haxa lugares como As Xubias e A Zapateira sen saneamento, como recoñeceu o concelleiro de Urbanismo. Barrios que no caso das Xubias, ademais, está necesitado de que se acometan intervencións para dar solución á carencia de infraestruturas e necesidades básicas.
As nacionalistas lembran que o Goberno do Sr. Negreira botou abaixo unha trintena de necesidades primarias das Xubias achegadas pola veciñanza do lugar, a través da Asociación Cultural EUMEDRE, e recollidas polo BNG nas reclamacións aos orzamentos municipais de 2015 e mais nunha moción. As actuacións demandadas, e rexeitadas polo Partido Popular, atinxían a infraestruturas, urbanismo, equipamentos, medio ambiente e mobilidade.