O Sr. Negreira permítelle a Martinsa Fadesa que non presente o proxecto de legalización
A Coruña, 14 de xaneiro de 2015. Por Resolución Directiva do Director de Urbanismo de 7 de novembro de 2014, á que tivo acceso o grupo municipal do BNG, o Goberno Local do Partido Popular non só lle consinte a Martinsa-Fadesa que non presente o proxecto técnico correspondente para a legalización do edificio Conde de Fenosa, senón que é á Comunidade de Propietarios a quen lle ordena a legalización do inmoble.
O Goberno Local ademais decide asumir o pago dun proxecto externo que analice a situación urbanística do edificio e o axuste ao planeamento, encargándollo por conta do erario público municipal á mesma persoa que fixo os informes anteriores e que desenvolveu cargos directivos en Martinsa-Fadesa, pagándolle deste volta 7.253.95 euros. Trátase do Arquitecto Carlos Trabazo Molins, quen foi autor do informe sobre a imposibilidade material de executar a sentenza do Conde de Fenosa que lle custou ao Concello da Coruña 18.179,50 euros, e que de nada serviu, dado que o Supremo fallou en contra do incidente prantexado polo Concello.
A xuízo do BNG, resulta inaudito que a principal responsábel nesta actuación ilegal (Martinsa-Fadesa) non asuma a responsabilidade que lle corresponde para executar a sentenza e que o Goberno Local, no lugar de lla reclamar, supla a pasividade desta promotora privada en todo o proceso, que nin sequera se opuxo ao último recurso presentado ante o Tribunal Supremo, deixando caducar o prazo de contestación. Compre lembrar que é Martinsa-Fadesa, segundo o Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 24 de maio de 2012, quen debe elaborar e presentar o mencionado proxecto técnico ("un proxecto técnico onde se contemplen as obras executadas e as que sexan necesarias para se axustar á legalidade vixente (non á dos planos precedentes), así como outros documentos sobre o estudo de impacto e integración na estética urbana, logo do cal se podería obter unha nova e completa licenza de legalización que podería considerar esta Sala axustada a dereito, coa conseguinte demolición do que aí resultara").
No consta que hubiese presentado proyecto técnico alguno e procede que sea la Administración la que proceda a su elaboración
Segundo figura na Resolución Directiva de 7 de novembro de 2014, o Goberno Local requiriulles tanto a Martinsa-Fadesa como a Comunidade de Propietarios do Edificio Conde de Fenosa a presentación do correspondente proxecto técnico de legalización do edificio en cuestión, que contestaron sinalando que no se consideran obligadas a la presentación del documento técnico. No caso da Comunidade de Propietarios, que acordou non presentalo por considerar que lle correspondía a Martinsa-Fadesa, sorprende o requirimento municipal desde o momento en que a comunidade non se subroga nunca na obriga de executar unha sentenza anulatoria dunha licenza de obras, polo cal non é suxeito pasivo da obriga de presentar proxecto de legalización, agás que sexa ordenado por resolución xudicial, que non é o caso, xa que o TSXG a quen ordena executar a sentenza é, en primeira instancia, a Martinsa-Fadesa.
A pesar de que a propia Resolución Directiva afirma literalmente a respecto de Martinsa-Fadesa que no consta, por otra parte, pese a lo alegado, que hubiese presentado proyecto técnico alguno, o Goberno Local, consentíndolle a Martinsa-Fadesa a súa total inacción, decide tirar para adiante por conta do erario público, concluíndo que procede que sea la administración la que proceda a su elaboración.
O arquitecto encargado de redactar por conta do Concello da Coruña a redacción do proxecto técnico
Igualmente sorprende desta actuación impresentábel do Goberno local, que paga a cidadanía e non Martinsa-Fadesa, é que adxudique de novo a dedo este novo informe a unha persoa que desempeñou importantes cargos directivos en MARTINSA FADESA e que foi autor do informe sobre a imposibilidade material de executar a sentenza do edificio Conde de Fenosa. O arquitecto Carlos Trabazo Molins, designado para realizar o proxecto, foi xefe de proxectos internos de Fadesa (decembro de 2004 até setembro de 2007) e xerente da oficina técnica de Martinsa-Fadesa (setembro de 2007 até outubro de 2008). Ademais, foi coadministrador da sociedade Acadar, consultora de proxectos e enxeñaría, xunto con Macario Fernández-Alonso Trueba, no seu día presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, até febreiro de 2014 (http://www.boe.es/borme/dias/2014/02/27/pdfs/BORME-A-2014-40-15.pdf).
Conclusión: en urbanismo tamén hai clases sociais
Noutras palabras, primeiro, o Goberno Local toléralle a Martinsa-Fadesa que non presente un proxecto técnico de legalización e que non asuma as súas responsabilidades para executar a sentenza. Segundo, o Goberno Municipal, que non debería suplir aquí a Martinsa-Fadesa, evita recorrer aos funcionarios dos servizos técnicos do propio Concello da Coruña para elaborar un estudo para actuar en relación coa execución da sentenza do Conde de Fenosa. E terceiro, o Goberno local decide pagar por conta do erario público (isto é, da cidadanía) a contratación do servizos dun profesional que desempeñou importantes labores de dirección na mesma empresa que executou as obras ilegais do Edificio Conde de Fenosa, que durante catorce anos actuou como codemandada neste proceso e que nin sequera se opuxo ao último recurso presentado ante o Tribunal Supremo, deixando caducar o prazo de contestación.