O presidente da Autoridade Portuaria renuncia á conexión ferroviaria, pregándose aos ditados do PP
A Coruña, 9 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG cualifica como fundamental a conexión ferroviaria de Punta Langosteira para que o porto exterior poida operar con normalidade e para que a infraestrutura poida erixirse como revulsivo da economía da cidade e da comarca, xerando riqueza e postos de traballo.
Nesta liña, os nacionalistas lamentan que o presidente da Autoridade Portuaria se pregue aos intereses do PP en vez de responder aos intereses da cidade e do porto e desbote solicitar máis fondos para a conexión ferroviaria, renunciando, así, á creación de emprego na cidade e na comarca. Resulta curioso o cambio de actitude do Sr. Losada, que hoxe lle quitaba importancia á comunicación por camiños de ferro e que hai tan só 15 días revelaba que a falta da conexión por tren fixera decaer o interese de empresas para operar en Punta Langosteira.
O propio presidente da Autoridade Portuaria, que sinalou esta mañá que a conexión ferroviaria non estará lista até o 2017, informou de que non se poderán facer traslados dun porto ao outro mentres non haxa vías de ferro. A este respecto, o Grupo Municipal do BNG critica que se rexeite a complementariedade do porto exterior e do porto interior.
Por último, os nacionalistas lémbranlle ao presidente da Autoridade Portuaria que a conexión ferroviaria de Punta Langosteira é un requirimento de obrigado cumprimento para que o porto exterior conte con axudas da Unión Europea.