Bermello: "A escolla está entre o drama do paro e dos recortes ou o autogoberno con xustiza social"
A Coruña, 9 de outubro de 2012.- O barrio dos Mallos acolleu esta tarde a campaña do BNG cun mitin en que interviñeron Xan Caxigal, concelleiro, Pilar García Negro, profesora da UdC e ex deputada, e Suso Bermello, candidato, quen criticou que Feijóo camuflara as contas da Xunta de Galiza para reducir o déficit do 2010. "Vense abaixo o Feijóo solvente", advertiu, "un informe do Consello de Contas, supervisado polo propio Orza, conselleiro de Economía baixo o goberno de Fraga, revela que Feijóo pechou o exercicio orzamentario de 2010 desprazando ao 2011 facturas por valor de 400 millóns de euros". "Así pecha o déficit calquela", ironizou.
Bermello denunciou ante o público que "Feijóo fai trampas, non ofrece nin solvencia nin estabilidade". Explicou que os datos do que levamos de ano, os do primiero semestre, son "demoledores". "Galiza é hoxe a sexta comunidade autónoma con máis déficit do Estado", alertou. "Con Feijóo triplicouse a débeda e non hai políticas para combater a crise: nin política industrial, nin de I+D+i, nin comercial, nin agrogandeira, pesqueira ou forestal", sinalou.
Así, o candidato do BNG fixo unha radiografía da Galiza de 2012, despois de catro anos de PP: "a única estratexia de Feijoo é procurar que a factura da crise a pague a clase traballadora, as clases medias, as mulleres, a xente nova, as persoas pensionistas... mentres asegura o negocio das grandes empresas próximas ao PP privatizando servizos e infraestruturas públicas e desprotexendo o noso territorio".
"Neste contexto, só unha alternativa nacionalista, defensora da soberanía, da capacidade de decidir dos pobos, en concreto do galego, pode conducirnos a estas mudanzas, a un cambio radical, tanto das institucións públicas como da economía, para serviren as maiorías sociais", salientou Bermello.
"Desde o BNG actuaremos como freo e dique destas políticas antisociais e recentralizadoras, cunha unha estratexia galega para saír da crise"
Fronte á política recentralizadora imposta polo Goberno central, o candidato do BNG expuxo que o Goberno galego "non pode limitarse á aceptación resignada das restricións, dos axustes e dos recortes do gasto social impostos por Madrid de Bruxelas". "Desde o BNG actuaremos como freo e dique destas políticas antisociais e recentralizadoras, cunha unha estratexia galega para saír da crise, impulsando o desenvolvemento económico a partir das capacidades e recursos con que contamos", destacou.
"O BNG ten un proxecto dixo- chamado traballo, chamado democracia e chamado soberanía, e cada día que pasa se ve máis claro que a derrota do PP é posíbel", apuntou. "O BNG é quen pon enriba da mesa o contraste entre as dúas Galizas posíbeis", advertiu. Así, puxo de manifesto que "a escolla está entre o continuismo das políticas fracasadas do PP, un país en ruínas e endebedado, ou as alternativas do BNG, en contra dos recortes a a prol da xustiza social como vía para saír da crise".
Concluíu Bermello pedindo o voto para o BNG "a forza co corazón na esquerda e con Galiza na cabeza que ten alternativas reais para os problemas do país".