Valencia esíxelle ao Goberno municipal que restitúa as bolsas de 51 euros para antenas
A Coruña, 9 de outubro de 2012.- A concelleira Ermitas Valencia critica que o Goberno municipal eliminara as 31 bolsas con valor de 51.02 euros mensuais, de novembro a marzo, para antenas de información xuvenil, unha medida que afecta a 31 mozos e mozas de 22 centros públicos de Secundaria da Coruña, da Escola de Artes Plásticas e Superior de Feseño, Conservatorio Profesional de Música, Escola Oficial de Idiomas e nove centros concertados.
Valencia, que esixe a restitución da axuda económica, reproba que o Goberno municipal venda como un éxito o agasallo de entradas ás persoas que actúan como antenas. E é que "xa co anterior goberno estes mozos e mozas contaban, ademais de coa bolsa de 51 euros ao mes, con entradas de balde e con facilidades para acceder a actividades organizadas polo Concello". "Este é a política do PP cos mozos e mozas, este é o fomento da participación xuvenil do PP", ironiza Valencia, que engade que "non nos estraña que cada día teñan que emigrar de Galiza 55 mozos e mozas".
Precisamente, a concelleira do BNG denunciara o pasado ano a supresión, a tres meses de se iniciar o curso, dos cartos para as antenas de información xuvenil.
Sen bolsas para os correspondentes en entidades
Valencia indica que o Goberno municipal tamén acabou coas bolsas de información xuvenil en entidades, aos chamados correspondentes, unhas axudas que foron creadas pola Concellaría de Mocidade do anterior mandato, da que era responsábel a propia concelleira do BNG.
Estes bolseiros e bolseiras tiñan entre as súas funcións difundir a información do CMIX no seu propio centro (no caso das antenas) e nas entidades (no caso dos correspondentes), e canalizar as demandas e necesidades concretas dos seus propios compañeiros e compañeiras ao equipamento municipal, ademais de dinamizar a información de actividades organizadas polo Concello.