O PP vota en contra de suprimir o copago en medicamentos de doentes de leucemia, cancro, hepatite...
A Coruña, 18 de novembro de 2013.- Até tres iniciativas levou o Grupo Municipal do BNG a Pleno co fin de que o Goberno do Sr. Negreira se sumase ao coñecido como espírito de Riotorto e contribuíse a que a Xunta de Galiza non asuma a resolución que estabelece o copago en medicamentos para doentes graves e crónicos e co fin de que o Goberno central derrogase unha medida que o BNG cualificou de inxustísima. Máis unha vez, o Sr. Negreira volveu poñerse de costas ao pobo e tombou a reclamación do BNG ao modificativo de crédito e mais a moción, confirmando que o Goberno do PP no Concello da Coruña ve con bos esta inxustísima medida ideada pola ex concelleira Pilar Farjas.
O PP tomba a reclamación do BNG ao modificativo de crédito e négase a destinar o suplemento de 302.000 euros de festas á asunción do copago en medicamentos
En primeiro lugar, o Goberno do Sr. Negreira opúxose á reclamación do BNG ao segundo modificativo de crédito do ano, que votou co voto en contra das concelleiras nacionalistas. Nesta reclamación as nacionalistas propuxeron que o Concello destinase o suplemento de crédito de 302.000 euros do IMCE para festas á partida de emerxencia social, para poder asumir o copago e para facerlle, así, fronte ao novo medicamentazo do que é responsábel a Sra. Farjas, ex concelleira do PP na Coruña.
Sobre esta reclamación do BNG, o PP puxo de manifesto que as nacionalistas tratan de obstaculizar o labor municipal. De feito, a reclamación do BNG ao modificativo de crédito caeu tan mal no PP que mesmo o alcalde chegou a interromper a intervención da concelleira nacionalista Ermitas Valencia para pedirlle que non falase do copago en medicamentos.
O PP impide o debate da moción do BNG contra o copago en medicamentos
Tamén tombou o PP a moción presentada polo BNG en que se pedía que o Concello da Coruña emprazase a Xunta de Galiza a demandar do Estado a derrogación da resolución do 10 de setembro de 2013; que a Xunta de Galiza non aplicase esta resolución no noso país, como xa fixeron comunidades autónomas como Castilla y León, Asturias, As Canarias ou Euskadi, e que o Concello asumise o copago en medicamentos mentres a Xunta de Galiza teimase en aplicar a resolución ideada pola Sra Farjas e mentres o Goberno central non derrogase esta medida que ataca as persoas máis débiles.
O copago mata, logo non diga que non o sabía
Ademais, o BNG formulou unha pregunta oral ao respecto que foi respondida con cifras e mentiras dun Partido Popular que defendeu que as persoas doentes de leucemia, cancro, esclerose múltiple ou hepatite C, entre moitas outras enfermidades, paguen polos medicamentos. A concelleira do BNG María Xosé Bravo apuntoulle ao PP, a pregunta non fala de cifras, nin de orzamento, só necesitamos saber de que lado están?
Se faláramos de cartos nós poderiamos dicirlle onde conseguilos: diriámoslle que tacita a tacita, dos máis de 6 millóns de euros de beneficios de EMALCSA e dos 4 millóns para as obras que debería pagar á Autoridade Portuariad e do agasallo de máis de 300.000 euros para axudarlle á Xunta de Galiza a pagar os centros de día, do modificativo de crédito que aprobaron hoxe definitivamente con máis de 300.000 para festas ou os 145.000 da Laponia coruñesa , espetoulle ao PP. Iso son máis de 11 millóns de euros, pero non é nin tan sequera diso do que queriamos falar, porque para o BNG solución non pasa por que paguen os Concellos, senón porque o Goberno central derrogue a resolución e por que a Xunta de Galiza non a aplique, engadiu.
María Xosé Bravo preguntoulle ao Goberno do Sr. Negreira, só queremos saber se pensan que é xusto e necesario que unha enferma de cancro de mama deba pagar os seus medicamentos e que un enfermo cun tumor cerebral deba repagar as súas medicinas. Só queremos saber se a resolución da Sra Farjas é para o Sr. Negreira xusta e necesaria, só queremos saber se ben correcto que orzamento do Ministerio de Defensa sexa un 60% superior ao de Sanidade, só queremos saber se están co BNG, que quere acabar co copago de medicamentos para doentes graves e crónicos, salientou.
É difícil atopar algo máis inhumano e inxusto, advertiu, Sr. Alcalde este é un caso de vida ou morte, non permita que a xente enferma se sinta soa e desprotexida, porque o copago mata, non diga que non o sabía, concluíu María Xosé Bravo quen, antes de rematar, lembrou que a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública leva semanas esperando a ser recibida polo Presidente da Xunta.
Pola súa parte, o PP nun exercicio de cinismo e mentiras e despois de botar abaixo a reclamación do BNG ao modificativo de crédito e mais a moción, sinalou que en este Concello a nadie le van a faltar medicinas. Porén, as cifras desmenten as falacias do PP, dado que os orzamentos aprobados inicialmente revelan que, malia o incremento do paro e do número de persoas que se atopan en risco de exclusión social, o Sr. Negreira conxelou a partida de emerxencia social en 660.000 euros. Con esta conxelación, o Concello da Coruña non podería asumir o copago.