Está na man do Sr. Negreira acabar coas subas nas tarifas do bus
A Coruña, 19 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG responsabiliza o Sr. Negreira e o seu goberno do próximo encarecemento das tarifas do autobús e do aumento da subvención á Compañía de Tranvías. As nacionalistas advirten de que se trata dunha cuestión de vontade política e engaden que está na man do Sr. Negreira acabar con este novo saqueo ao peto do pobo. Lembran o BNG que o prezo do bus na Coruña é dos máis caros do Estado español, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).
Por enésima vez, o Grupo Municipal do BNG salienta que é posíbel e é necesario baixar as tarifas do autobús. O PP pode acabar co encarecemento das tarifas se accede, dunha vez, á revisión da concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión).
O BNG pon de manifesto que se o Sr. Negreira teima en poñerse do lado da Compañía de Tranvías e teima en non acometer a revisión, seguirá a subir o prezo do bus e seguirán aumentando as subvencións municipais. De feito, os orzamentos de 2014 recollen a transferencia corrente de 7,5 millóns para a Compañía de Tranvías, unha cantidade que podería resultar insuficiente, tal e como sinala o interventor no seu informe.