O PP vai incrementar as externalizacións de servizos e tarefas municipais no 2014
A Coruña, 21 de xaneiro de 2014.- O malgasto de 48.409,5 euros por parte do Goberno do Sr. Negreira nos últimos dous meses para a redacción de normativa municipal (redacción de normas técnicas de mobilidade urbana, para a elaboración dunha ordenanza de transparencia e reutilización e para a realización dunha ordenanza xeral reguladora das obras de xardinaría no Concello) non é un caso puntual. O Grupo Municipal do BNG advirte de que a externalización sistemática e silenciosa de labores municipais por parte do Goberno do Partido Popular, entre eles, a elaboración de ordenanzas municipais, non só vai continuar, senón que se vai incrementar. Así o poñen de manifesto os orzamentos municipais vixentes, que recollen unha suba espectacular das partidas destinadas a traballos realizados por outras empresas. O Goberno do Sr. Negreira aumentou as partidas de contratación de asesorías e externalización de servizos e tarefas municipais (denominadas Outros traballos realizados por outras empresas e Estudos e traballos técnicos) en 1,32 millóns de euros respecto dos orzamentos de 2013.
O Bloque sinala que nos orzamentos de 2014 o PP aumentou a partida de Estudos e traballos técnicos (contratación de asesorías externas en 613.646,34 euros (no 2013 a partida era de 4.161.735,28 e no 2014 pasa a 4.775.381,62). Tamén incrementou a partida Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais en 709.829,34 euros (7.128.882,79 no 2013 e 7.838.712,13 no 2014). En total, o Goberno do Sr. Negreira aumentou estas dúas partidas para externalizar servizos e labores municipais un total de 1.323.476,38 euros. Precisamente, o PP tamén tombou as reclamacións presentadas polo BNG aos orzamentos municipais de 2014 nas que pedía a diminución destas partidas destinadas a contratar empresas privadas para desenvolver tarefas que son propias e pode realizar o persoal técnico cualificado do Concello.
Descapitalización do Concello
O Grupo Municipal do BNG denuncia que as prácticas externalizadoras do Partido Popular provocan a descapitalización do Concello e o adelgazamento dun dos principais valores da Administración municipal: o persoal que traballa nos servizos públicos. Este adelgazamento é máis custoso para a cidadanía, xa que comporta baleirar de tarefas o persoal técnico e altamente cualificado, que accedeu ao seu posto de traballo baixo os criterios da igualdade, do mérito e da capacidade, á vez que supón un malgasto de cartos públicos en contratar empresas.