O Goberno municipal do PP decide externalizar mesmo a elaboración de ordenanzas municipais
A Coruña, 20 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira decida externalizar mesmo a elaboración de ordenanzas municipais, encargándolle a súa redacción a empresas privadas. De feito, entre novembro e decembro de 2013, o Concello gastou en elaboración de normativa municipal por parte de empresas privadas a cantidade de 48.409,5 euros. O Bloque pon de manifesto que isto se suma á sistemática e silenciosa externalización da elaboración de informes e de asistencias técnicas que fai o Goberno do Sr. Negreira malgastando cartos públicos malia contar con persoal técnico e cualificado.
48.409,5 euros para a redacción de normas técnicas de mobilidade urbana, para a elaboración dunha ordenanza de transparencia e reutilización e para a realización dunha ordenanza xeral reguladora das obras de xardinaría no Concello
O Grupo Municipal do BNG tivo acceso a dous decretos de Alcaldía e mais unha resolución, que revelan o gasto de 48.409,5 euros na externalización de normativa. Así, a redacción de normas técnicas de mobilidade urbana, con data de 17.12.2013, implicou pagarlle a unha empresa privada 21.659 euros; a elaboración dunha ordenanza de transparencia e reutilización, con data de 13.12.2013, implicou pagarlle a outra empresa privada 19.914 euros e a realización dunha ordenanza xeral reguladora das obras de xardinaría no Concello, con data de 20.11.2013, pola cal se lle pagou a outra empresa privada 6.836,50 euros.
O Grupo Municipal do BNG salienta que esta práctica é sumamente criticábel tendo en conta que hai persoal técnico cualificado no Concello para realizar este tipo de tarefas. O Bloque denuncia o duplo gasto do Goberno municipal do PP: por unha banda, baleira de contido o labor do persoal técnico municipal cualificado, ao non querer dispoñer del, e pola outra banda, malgasta cartos públicos en contratar os servizos de empresas privadas.
O Grupo Municipal do Bloque sinala que se pode correr o risco de que as normativas elaboradas a través de empresas privadas ao Concello se centren máis nos intereses privados que no interese xeral.
Sistemática e silenciosa externalización
A externalización da elaboración das citadas normativas municipais súmase á sistemática e silenciosa externalización da redacción de pregos técnicos; da redacción de plans, anteproxectos e proxectos básicos e de execución; da redacción de informes técnicos e da elaboración de informes técnicos de ofertas de contratos. Deste xeito, o Goberno do Sr. Negreira non só malgasta cartos públicos en encargarlle tarefas a empresas privadas que podería facer o persoal técnico e cualificado, senón que ademais descapitaliza as arcas públicas, dado que é máis custoso que o faga unha empresa privada que o propio persoal municipal.