Avia Veira acusa o PP de abandonar a conexión ferroviaria do porto exterior
A Coruña, 21 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG Avia Veira acusa o Sr. Negreira de permitir o abandono da conexión ferroviaria do porto exterior, unha conexión imprescindíbel para garantir a operatividade de Punta Langosteira, sinaladamente, no que respecta ao transporte de graneis. Avia Veira sinala que o alcalde é responsábel de que os orzamentos xerais do Estado para 2014 non recollesen ningunha partida para a execución da conexión ferroviaria.
A concelleira do BNG lembra que os orzamentos de 2014 recollen 0 euros na partida Conexión ferroviaria da Coruña co porto exterior da Coruña (código 200917400102) e que nos orzamentos de 2013 esta mesma partida estaba dotada con 50.000 euros para a realización dun estudo. Así, Avia Veira critica que o PP centrara todo o investimento no porto exterior nos accesos viarios e deixara sen dotación a conexión ferroviaria. Ademais, a edila nacionalista critica que o PP, representado tamén por deputados coruñeses, como o ex concelleiro Juan de Dios Ruano, botara abaixo a emenda parcial do BNG que reclamaba unha partida de 9 millóns de euros para a conexión ferroviaria.
Avia Veira recorre ás palabras do presidente da Autoridade Portuaria, quen chegou a admitir que a falta de conexión ferroviaria en Punta Langosteira fixo perder contratos con empresas, dados os altos custos que supón o transporte viario. De feito, o presidente do Porto explicou a finais do 2012 que o traslado do clínker a Langosteira requiriu de 1.700 traxectos de camión, cando podería realizarse con só 30 viaxes de ferrocarril. O deixamento do PP en relación á conexión ferroviaria provoca que, cada ano, o presidente da Autoridade Portuaria declare perante os medios de comunicación o atraso da chegada do tren a Punta Langosteira. A última previsión de Enrique Losada marca a chegada da conexión ferroviaria para 2017.