O PP segue bulándose do noso idioma
O goberno do Sr. Negreira nin sequera toma a serio os organismos creados polo Partido Popular para a promoción do idioma.
A representante do Concello da Coruña na Rede Galega de Dinamización Lingüística, a concelleira Ana Fernández, é a mesma persoa que manifestou no inicio da lexislatura que os actos culturais que se programaban na cidade eran demasiado gallegos e que a cultura debe estar en un idioma que entiendas
O Grupo Municipal do BNG denuncia que a actitude negativa e de falta de respeto do Goberno do Sr. Negreira sobre á lingua propia de Galiza é tal que nin sequera toma a serio os organismos creados polo Partido Popular para a promoción do idioma.
Así a través dunha resolución de finais de xaneiro a tenente de alcalde de Servizos Sociais, Cultura, Educación e Deportes, por delegación da Xunta de Goberno Local, e tras o informe proposta da súa Xefa de Servizo, nomeouse a si mesma como representante do Concello da Coruña na Rede Galega de Dinamización Lingüística, en substitución do concelleiro de Educación Francisco Mourelo que ocupaba até esta data a representatividade. Tamén se designa como responsábel técnica neste organismo a Susana Martínez Portabales, xefa de servizo da Concellaría de Cultura.
No BNG salientamos o ton burlesco cara ao idioma desta designación por parte do Goberno do Sr. Negreira e así lembramos que foi esta concelleira a mesma que no seu día manifestou un desprezo pola cultura galega sinalando que os actos culturais que se programaban na cidade eran demasiado gallegos e que a cultura debe estar en un idioma que entiendas.
A Rede Galega de Dinamización Lingüística, á que se adheriu en marzo de 2013 o Concello da Coruña, foi creada polo Goberno da Xunta do Partido Popular en 2011 para, supostamente, potenciar o galego desde o eido local, tentando agrupar nela o maior número de concellos. A rede de dubidosa valía e funcionamento para o BNG, foi analizada e criticada polas persoas que traballan no eido da normalización, en concreto, pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CNTL).
O Goberno Local, subliña o BNG, alén de incumprir, de xeito sistemático, a lexislación vixente en materia de lingua e desmantelar todas aquelas pequenas actuacións minimamente consolidadas e encamiñadas a normalizar o galego, entre as últimas, que a primeira recepción e atención do servizo municipal telefónico 010 fose en galego, evidencia na súa actitude unha indiferenza total polo idioma de boa parte da veciñanza da Coruña que se suma a súa inacción e hostilidade nesta materia.