Menos cartos para a dependencia, menos persoas atendidas
A preguntas formuladas polo BNG o Goberno Municipal confirma que en 2013 atendeu no Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) 185 persoas dependentes menos que en 2012.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno do PP minte cando afirma que temos neste momento máis persoas que nunca en situación de alta no Servizo municipal de Axuda no Fogar. Aínda que o BNG só lle preguntaba polo Servizo de axuda a Domicilio para Dependentes, o goberno do Partido Popular co afán de maquillar os datos, dá datos tanto do SAD da dependencia como do SAD básico (para non dependentes), mais aínda así existen 185 persoas menos no SAD da dependencia (251 baixas e 30 altas ) e 145 máis no SAD básico (128 baixas e 273 altas) polo que o resultado final é de 40 persoas menos en total (programa de 1º de ESO, operacións con números enteiros) e o dato máis preocupante refírese a que hai 185 persoas dependentes menos que reciben o Servizo de Axuda a Domicilio.
O BNG xa tiña denunciado no Parlamento Galego que a Xunta de Galiza ten paralizado a Lei da Dependencia é por iso que no 2013 e por vez primeira desde a posta en marcha da citada lei, a Xunta rebaixa a cantidade transferida ao Concello da Coruña, medio millón de euros menos, e así as transferencias finalistas destinadas a financiar a axuda no fogar a persoas valoradas como dependentes pasaron de 2.651.987 no 2012 a 2.130.593 no 2013.
O Grupo Municipal sinala que xa nunha resposta a unha pregunta formulada polo BNG no Pleno de febreiro, sobre número de horas no SAD da dependencia, o Goberno Municipal confirmara unha baixada de case un 22% pasando de 267.702,79 horas no 2012 a 211.102,95 horas no 2013, é por iso que o BNG, como teñen feito outros colectivos como o propio Colexio de Traballo Social de Galiza, denuncia que se está a impedir que entren novos dependentes no sistema. Este ataque do Partido Popular, alí onde goberna, Estado, Xunta, Concello da Coruña, á Lei de Dependencia está a xerar maiores desigualdades e trae consigo un retroceso nos dereitos sociais da cidadanía en xeral mais sobre todo das persoas dependentes e das súas coidadoras.
Tamén en resposta ás preguntas realizadas polo BNG o Concello desculpa os recortes da Xunta cos Servizos Sociais Municipais. Desde que o PP chegou o Goberno da Xunta cada ano diminúe a axuda que a Xunta transfire aos Concellos para persoal e mantemento e xestión de programas de Servizos Sociais, e así no ano 2013 recibiuse a cantidade máis baixa dos últimos anos.
Así, no Plano Concertado, a redución for de case o 50%, pasando desde o 2010 de 1.092.397,00, a 2011 de 597.306,00, 2012 de 617.936,00 e aos 569.834,00 do ano pasado.
No BNG denunciamos tamén os retrasos, a hora de saber con que axuda contarán os Servizos Sociais municipais e no pago destas axudas. Agora sabemos que non é até mediados de ano cando se comunica ao Concello da Coruña a cantidade que se transferirá correspondente ao primeiro trimestre de 2013 e cun retraso que xa é marca do PP se lle comunica o 20 de xaneiro de 2014 a cantidade que se lles transferirá para último trimestre do 2013 (estas datas refírense á comunicación nin tan sequera ao traspaso efectivo). Lembran as nacionalistas as declaracións do Presidente da Xunta en febreiro de 2011 esta partida para o Plan Concertado contribuirá a aliviar a presión financeira que sofren as administracións locais galegas, xa que, por primeira vez, poderán cobrar o 100% do importe da subvención no primeiro semestre do ano.
Tamén as respostas do Goberno Municipal mostran que o Concello non recibe ningunha axuda para a atención á primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar, axuda esta pola que algúns concellos reciben cantidades superiores a 100.000 euros, porque en realidade o Concello da Coruña nin sequera solicita esta axuda.