O lixo da Coruña enchoupa ao Goberno do PP
O BNG denuncia que despois de dous anos non se sabe sequera que vai facer o Goberno Municipal para incidir na redución das taxas de rexeitamento do lixo
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia que, despois de dispor o Goberno Local durante dous anos dos resultados das auditorías, non se sabe sequera que vai facer para incidir na caracterización do lixo, pois o que evidencian as auditorías é que o 34,42 % da taxa de rexeitamento que prevía a UTE Albada no seu proxecto lonxe está da realidade de rexeitamentos que mostra a planta.
Así, os últimos datos que achegan as auditorías son de 2011 e neles indícase que o lixo que se deixou sen reciclar, e por tanto tivo de ser soterrado ou trasladado a vertedoiros, foi de 64,64%. Dos sucesivos anos nada se sabe, como tampouco se coñece que proposta vai desenvolver o Goberno Municipal para pretender minguar as porcentaxes de rexeitamento e incidir, así, na redución da cantidade de materiais que son desbotados.
E é que o modelo de recollida selectiva implantado no seu día pola UTE Albada careceu de ningún tipo de rigor, pois aplicouse sen ter realizado a empresa, antes do funcionamento da planta, un estudo dos residuos que se xeraban na cidade, incumprindo o prego de cláusulas administrativas, o cal solicitábao.