O PP presume de gastar 137.000 euros na cabalgata de reis e en converter María Pita en Laponia

O PP presume de gastar 137.000 euros na cabalgata de reis e en converter María Pita en Laponia

A Coruña, 5 de novembro de 2012.- Na mesma mañá na que coñeciamos que o desemprego aumentou na cidade en 339 persoas, a concelleira de Cultura, Ana Fernández, presumía de gastar 137.479 euros na cabalgata e de reis e en converter nun poboado de nadal a praza de María Pita. Facíao na resposta á pregunta oral. Foi a concelleira María Xosé Bravo quen criticou que o Goberno municipal gaste un 90% máis de cartos na cabalgata que en anos anteriores, pasando de 35.000 euros a 65.000. “Falarannos da ilusión dos nenos, de que os do BNG somos uns tristes...verán, a ilusión dos nenos e das nenas é que os seus pais e nais teñan traballo”, apuntou.

A concelleira nacionalista engadiu que o Goberno municipal gastará 72.479 euros en instalar un “poboado de papa noel” con aspecto de Laponia na praza de María Pita. “Esta Laponia é da que falaba o responsábel de Economía da CEOE cando se declaraba disposto a quitarlle o paro a un traballador que non aceptase unha oferta de traballo aínda que fose en Laponia, quizais esa é a súa medida estrela para acabar co drama da emigración da mocidade”, engadiu.

Ademais de criticar que o Goberno municipal teña a cidade paralizada desde o punto de vista cultural, Bravo lamentou que o Sr. Negreira “continúe no camiño equivocado despois de que nos distintos modificativos non dedicara nin un só céntimo a políticas para fomentar a creación de emprego. “Vostedes ofrecen espectáculo para hoxe e fame para mañá”, destacou.

O Sr. Mourelo vive noutra realidade, na que os libros de texto son gratuítos, na que non existe encarecemento de taxas das escolas infantís, na que se reparan todos os centros e na que se constrúen novas escolas

De “moi satisfactorio”. Así contestaba Sr. Mourelo á pregunta formulada por María Xosé Bravo sobre a avaliación do inicio do curso escolar, unha avaliación contraposta á que realiza o BNG. A concelleira nacionalista sinalou que a crise fai que este inicio de curso sexa extremadamente difícil porque ningunha familia goza xa do sistema de empréstito de libros que o PP destruíu, pola suba do IVE do 4 ao 21% no material escolar, con familias de alumnos repetidores que non poden pedir a axuda de libros ou co cobro de actividades extraescolares. “Sr. Mourelo, as súas actuacións en materia de ensino só producen preocupación e desánimo”, afirmou Bravo.

A concelleira do BNG denunciou o incremento medio dun 5% nas taxas das escolas infantís municipais, a modificación do baremo (na que se prioriza as familias con traballo) e a escaseza de prazas. Así, Bravo criticou que o Goberno municipal deixara sen praza a máis da metade das familias solicitantes. “E aínda así seguen sen crear novas escolas”, lamentou. Sinalou ao respecto que o Sr. Negreira prometera en campaña abrir 8 novas escolas, “camiñamos cara á metade da lexislatura e o resultado é –1 escola”, dixo en referencia á escola de Pedralonga, xa orzada nas contas de 2011 e á que o PP renunciou).

Bravo aludiu tamén ás obras sen acometer e puxo como exemplo o CEIP de Prácticas, “é difícil de entender que non se fagan os amaños necesarios cando deixaron sen gastar case 800.000 euros en obras nos orzamentos de 2008”. A concelleira do BNG finalizou a súa intervención reclamándolle ao Sr. Mourelo que asine un convenio coa Federación de ANPAS para as actividades extraescolares, “pedímoslle que reconsidere o xeito de proceder tan sectaro e ineficaz que practicaron o pasado curso e que volvan ao modelo anterior”.

Outro ano máis, sectores económicos estratéxicos para a cidade e a súa comarca non reciben o tratamento que se merecen polo Goberno Central no orzamentos xerais do Estado, a pesar de seren claves para dinamización da económica e a creación de emprego. E o Goberno Local calado, cando non fai piruetas argumentais para xustificar ao Sr. Rajoy.

O Goberno municipal aplaude que o Goberno central abandone a ría do Burgo e deixe sen apenas cartos a conexión ferroviaria do porto exterior

Na súa resposta á pregunta formulada polos nacionalistas sobre os orzamentos xerais, o Goberno municipal demostrou estar satisfeito coas dotacións comprometidas polo Sr. Rajoy tanto para a rexeneración da ría do Burgo, 0 euros, como para a conexión ferroviaria do porto exterior, 50.000 euros. O portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, aludiu á moción presentada polo PP en Pleno, cando o PSOE gobernaba en Madrid, sobre a ría. “Dicían vostedes que é vital que o Ministerio de Medio Ambiente asuma as súas competencias e redacte de forma urxente o proxecto para o tratamento e extracción de lodos, mais, aos poucos meses de aprobaren a moción, gobernando xa o seu partido en Madrid, soubemos que nos orzamentos de 2012 esqueceran a Ría do Burgo”, apuntou Carril.

“Na súa resposta, dirán o de sempre. Dirán aquilo tan bonito de que a ría do Burgo segue a ser prioridade do Goberno municipal, da Xunta de Galiza e do Goberno central. Mais, como se explica que sexa a súa prioridade se logo sabemos que o saneamento da ría non recibe nin un só euro, e por segundo exercicio orzamentario consecutivo, nas contas de Rajoy? Porque agora sabemos que os orzamentos do 2013 volven esquecer a Ría do Burgo”, engadiu. “E tamén dirán que haberá diñeiro para sanear a ría cando rematen os estudo e os proxectos. En definitiva, nada novo que non se escoitara antes: estudos, proxectos e estudos. E mentres tanto ser vernos nada vinculante para as Administracións implicadas publicado no DOG e no BOE sobre limpeza e rexeneración da Ría do Burgo”, sinalou.

Sobre a conexión ferroviaria ao porto exterior, dotada con 50.000 euros, ironizou con que “menos mal que é unha prioridade, porque do contrario estaríamos no caso dos 0 euros da Ría do Burgo”. Lembrou que no anterior orzamento o Goberno central consignara 233.000 euros e que rexeitara a emenda do BNG para aumentar a partida en 8 millóns de euros.

Carril tamén aludiu ao “baile de datas” do Presidente da Autoridade Portuaria sobre a chegada do tren a Punta Langosteira, primeiro no 2015, despois no 2016 e agora xa no 2017 e afirmou que “menos mal que este presidente recoñece as consecuencias negativas da inexistencia actual do tren en todos os sentidos, coa perda de clientes, coa imposibilidade de traslados do porto interior ao exterior ou coa perda de aforro de custes económicos en traslados”. Fixo especial fincapé no que dixo o Tribunal de Contas da Unión Europea, que alertou da falla de accesos de Langosteira e dos prexuízos ocasionados ao porto exterior pola inexistencia de accesos adecuados. E, mesmo, sinalando que esta grande infraestrutura perderá a súa «eficacia» sen esa liña férrea, cando non as propias axudas da Unión Europea por non contar con esta conexión.

 

O PP presume de gastar 137.000 euros na cabalgata de reis e en converter María Pita en Laponia