O BNG denuncia que o pago medio a provedores é de 72 días, fronte aos 40 que prevera Negreira
A Coruña, 5 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, denunciou esta mañá en Pleno, cando se debatía o punto da orde do día relativa ás bases reguladoras do rexistro central de facturas, os datos actuais do periodo medio de pago a provedores. O nacionalista revelou que, a día de hoxe, o periodo medio de pago a provedores é de 72 días, segundo o informe do interventor, malia que o previsto polo Goberno municipal, tanto nos orzamentos de 2012 como no plan de axuste como en repetidas declaracións, era de 40 días. É máis, o Goberno do Sr. Negreira reducía a 30 días o prazo para o 2013, unha redución improbábel dado o dato demoledor de 72 días recollido (no informe que se achega) polo interventor.
Tamén en relación co prazo de pago a provedores, Carril explicou que nas alegacións ás bases reguladoras os nacionalistas reclamaban a necesidade de que as bases se axustasen totalmente á legalidade e se mellorase parte do seu contido. Neste sentido, Carril puxo de manifesto que tal e como van ir redactadas as bases, especialmente a base 4, os provedores tardarán máis en cobrar por culpa dun prazo de dous días ilegal que vostedes se quitan da manga. Aquí está outro dos verdadeiros problemas de fondo, porque ao final se os provedores non rexistran no prazo que vostedes se inventan ilegalmente tardarán máis en cobrar. Esa é a cuestión: vaise tardar máis en pagar por parte do Concello, concluíu. Este foi un dos motivos que levaron os e as concelleiras do BNG a votar en contra da aprobación definitiva destas bases reguladoras do Rexistro Central de facturas.
O Goberno municipal rectifica, para non volver ser condenado por vulnerar os dereitos fundamentais, e permítelles aos e ás concelleiras do BNG presentaren alegacións
O Goberno do Sr. Negreira rectificou e, finalmente, permitiralles aos concelleiros e concelleiras do BNG presentar alegacións, despois de que o pasado mércores, na Comisión Informativa de Facenda, lles quitase o dereito que teñen como cidadáns a presentaren unhas alegacións ao rexistro central de facturas polo simple feito de seren edís. O BNG, que aludira á xurisprudencia do Constitucional e do Supremo, cualificara este impedimento como un ataque inauto e ilegal á democracia e á participación cidadá e lembrara que o Goberno municipal xa fora condenado polos tribunais por vulnerar os dereitos fundamentais dos e das concelleiras do BNG ao serlles negado o acceso a información. Precisamente, o feito de que o Goberno municipal lles impedise aos nacionalistas presentar alegacións ás bases reguladoras do rexistro central de facturas levou o BNG a presentar un voto particular.