Os datos do paro, alarmantes: 339 persoas máis no desemprego no último mes
A Coruña, 5 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de alarmantes os datos do paro, que vimos de coñecer esta mañá. E é que lonxe de cambiar a tendencia e de trazar unha saída xusta á crise, acrecéntanse as dificultades para a cidadanía da Coruña. Así, no mes de outubro rexistráronse 339 persoas máis como demandantes de emprego, co que se acada a cifra de 22.929 parados e paradas na nosa cidade. Para os e as nacionalistas, a suba de 339 persoas a maiores na Coruña e de 8.439 en Galiza demostra que as políticas neoliberais e de asfixia social do PP son, completamente, erradas.
Nesta situación, os nacionalistas, que urxen o Goberno do Sr. Negreira a adoptar medidas que freen a destrución de postos de traballo, lamentan que o Goberno municipal presumira esta mañá dos datos do paro na nosa cidade. Estas cifras, apunta o Grupo Municipal do BNG, presaxian un durísimo inverno con expectativas moi malas no sector turístico, cunha incidencia pésima no pequeno comercio coa suba do IVE e dos efectos da eliminación da paga extra de Nadal das e dos empregados públicos e coa falta de crédito que abocará o peche de pemes instaladas na nosa cidade.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que estes pésimos datos demostran o estrepitoso fracaso das políticas do PP, que, coa súa reforma laboral e coa asfixia social á que somete a cidadanía, destrúe emprego en lugar de crealo. Os nacionalistas cargan contra a compañeira de partido de Negreira, a ministra de Emprego e Seguridade Social, que días atrás dixo que a reforma laboral era positiva para as empresas e que estabamos saíndo da crise. Por moito que se empeñe Fátima Báñez, unha mentira repetida varias veces non se convirte en verdade.
Por último, o Grupo Municipal do BNG anima a cidadanía a secundar a folga xeral do 14 de novembro, co fin de dicírmoslle ao Goberno do PP que estamos en contra dos recortes que aumentan o desemprego, a desigualdade e o deterioro dos servizos públicos, coa finalidade última de saquear o pobo para beneficiar a banca.