O PP négase a debater a moción sobre a investigación a Vendex
A Coruña, 1 de outubro de 2012.- Malia postularse como principal impulsor da liberdade de expresión, o Goberno municipal impediu o debate da moción presentada polo BNG para a constitución dunha comisión informativa especial de investigación e inspección das concesións outorgadas ao grupo Vendex. Ademais da colaboración coa xustiza, os nacionalistas só pretendían, con esta moción, que o Concello fiscalizase as contas da empresa concesionaria da ORA e do guindastre, xa que así llo permite a lexislación. O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, lamenta que o PP aproveitara as quendas pechadas para xustificarse e negar o debate desta iniciativa.
Precisamente, os nacionalistas presentaron a moción dados os recentes acontecementos relativos a unha presunta trama de corrupción na que aparecen referencias constantes ao grupo empresarial Vendex, do que forman parte adxudicatarias de contratos e concesións deste Concello. O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que estes feitos aconsellan que, con independencia e compatibilidade co procedemento penal en curso, se proceda por parte desta Corporación a investigar e inspeccionar estas concesións, particularmente a de maior trascendencia económica, como é o da ORA e a retirada de vehículos.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG solicitaba a constitución dunha comisión informativa especial, formada por un representantes de cada grupo municipal, cos cometidos de investigar os procedementos administrativos de outorgamento de concesións das que resultase adxudicataria algunha das sociedades do grupo Vendex, especialmente das relativas aos servizos da ORA e de retirada de vehículos municipal, e de inspeccionar a xestión económica-financeira das empresas adxudicatarias destas concesións, especialmente das que prestan os servizos da ORA e de retirada dos vehículos municipais.
Ademais, os nacionalistas reclamaban nesta moción a revisión das concesións administrativas dos servizos da ORA e de retirada de vehículos municipal e estudo sobre a posibilidade de recuperar a concesión destes servizo. E é que, tal e como recolle o BNG na exposición de motivos da moción, en tres anos e medio, a ORA e o guindastre supuxeron para o Concello 2.272.049,19 euros.
O PP tomba a moción da Plataforma de Afectados e Afectadas polas preferentes, levada a Pleno polo BNG, mentres aproba a do PSOE por non criticar o RD lei das quitas
Tamén tombou o PP a moción do BNG elaborada en colaboración coa Plataforma de Afectados e Afectadas polas Preferentes. Curiosamente, mentres rexeitaba o debate da moción levada a Pleno polo BNG, o PP daba o visto e prace á iniciativa do PSOE, precisamente, por non facer alusión ao real decreto lei 24/2012, do 31 de agosto, a normativa que impón as quitas e que legaliza esta estafa. E é que este RD lei permite que as persoas estafadas poidan ter que asumir perdas de até un 70% a respecto do valor inicial.
O Grupo Municipal do BNG pedía, a través desta moción, instar a Xunta de Galiza a interpor recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto Lei 24/2012, do 31 de agosto, instar a Xunta de Galiza a personarse na demanda interposta pola Fiscalía Superior de Galiza, apoiando as súas pretensións, instar o Goberno central a que exclúa as persoas aforradoras subscritoras das participacións preferentes ou débeda subordinada das quitas ou canxes obrigatorios previstos no RD Lei 24/2012 e instar a Xunta de Galiza e o Goberno central a adoptar as medidas precisas para garantir a devolución íntegra do investido en participacións preferentes e débeda subordinada.
O PP tamén rexeita a iniciativa presentada en defensa dos dereitos das mulleres e do aborto
Ademais, o PP tamén rexeitou a moción presentada polo BNG para garantir os dereitos das mulleres e para a defensa do aborto. Así, a iniciativa solicitaba un compromiso por parte do Concello para se manifestar en contra da derrogación da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, o mantemento desta norma e o desenvolvemento, por parte da Xunta de Galiza, dunha normativa propia que garanta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres galegas.
Ademais, solicitaba o apoio por parte do Concello ás iniciativas e mobilizacións reivindicativas dos dereitos das mulleres realizadas polas diferentes plataformas e asociacións galegas.
Podes ver nesta ligazón a moción do BNG sobre os dereitos das mulleres e o aborto
Podes ver nesta ligazón a moción presentada polo BNG para a comisión de investigación sobre Vendez
Podes ver nesta ligazón a moción do BNG sobre as preferentes