Ana Pontón: "Só o BNG pode frear a vaga de recortes do PP porque acreditamos na riqueza de Galiza"
A Coruña, 29 de setembro de 2012.- A rúa da Gaiteira, no barrio dos Castros, acolleu hoxe un acto público en que o concelleiro Xan Caxigal, e a candidata número dous pola Coruña e portavoz parlamentar, Ana Pontón, deron conta das políticas alternativas do BNG ás medidas do PP, que nos están a levar cara a un futuro negro, tal e como indicou a nacionalista.
Ana Pontón criticou que Feijóo presuma todos os días da súa solvencia perante os medios de comunicación. Acaso é solvencia deixar un país con 275.000 parados e paradas, un recórd histórico?, sinalou. Acaso é solvencia privatizar centros de día, centros de menores, servizos públicos...? Acaso é solvencia non ser quen de defender os sectores produtivos de Galiza? Acaso é solvencia deixar o país co triplo de débeda pública que cando asumiu a Presidencia da Xunta? Acaso é solvencia declarar que non ten competencias para solucionar problemas como o de Alcoa, expuxo. É obvio que co PP, as cousas foron a peor, engadiu.
Fronte este panorama que deixa o PP, a número dous pola Coruña erixiu o BNG como a única forza nacionalista con alternativas reais que é quen de facerlle frente á vaga de recortes de Negreira, de Feijóo e de Rajoy. Así, apelou a cambios estruturais que impulsen a riqueza do país. Galiza é unha nación con riqueza, mais cun problema de limitacións externas que lle impiden producir, explicou. Nesta liña, puxo de manifesto que a Unión Europea, coa connivencia do PP, está a pórlles freo aos nosos sectores produtivos e aos nosos recursos. Citou a expulsión dos nosos barcos dos caladoiros, o veto ao naval, o tax lease ou o sector leiteiro. Desde o BNG poremos o país a producir, porque só así se creará emprego, apuntou.
En relación coa capacidade de xerar postos de traballo, Ana Pontón fixo alusión á falta de crédito, cuxa solución pasa pola creación dunha banca pública galega, que financie os nosos sectores produtivos, que lle permita ás familias e ás empresas o acceso ao crédito e que garanta o seu control. Criticou duramente a candidata do BNG pola Coruña a nova axuda do Goberno do PP á banca. Non é de recibo que o PP diga que non hai cartos para os servizos sociais, para a sanidade, a educación ou as pensións, mentres acaba de aprobar darlle á banca 60.000 millóns de euros máis, o que equivale ao orzamento da Xunta de Galiza durante seis anos, denunciou. A continuación, Ana Pontón falou da estafa das preferentes. O PP dálle cartos á banca, mais non lle esixe á banca a devolución dos cartos aos milleiros de persoas que están estafadas, sinalou.
A candidata pola Coruña e portavoz parlamentar tamén se referiu á necesidade de modificar o sistema de financiamento, porque é falso que dependamos da solidariedade de Madrid. Todo o contrario: Galiza entrega os cartos ao Estado e o Estado repárteos inxustamente. De aí que propuxera un sistema fiscal propio para financiar os recursos galegos e unha fiscalidade progresiva, para que paguen máis as persoas que máis teñen. A este respecto, criticou que o PP cargue os impostos nas maiorías sociais, coa suba do IVE ou do IRPF. Ao contrario do PP, o BNG aposta por unha fiscalidade xusta, exclamou.
A xente ten que poder decidir sobre as axudas á banca
A democracia foi outro dos fíos que teceron a intervención de Ana Pontón no barrio dos Castros. A número dous pola Coruña e portavoz parlamentar alertou da alteración que sofre a democracia porque son a gran banca e as grandes empresas quen ditan as políticas dos gobernos. Así, insistiu na necesidade da participación das persoas, porque a xente ten que decidir sobre as axudas á banca e sobre os recortes aos servizos públicos, sobre todos os ataques que está a acometer o PP e que non levaba no seu programa.
Por último, Ana Pontón puxo de manifesto a necesidade de avanzarmos no autogoberno para aumentar a soberanía. O BNG defende a capacidade dos galegos e galegas para decidir sobre os nosos intereses, afirmou. Os galegos e galegas preferimos que Galiza decida sobre os nosos recursos, sobre o naval, sobre a pesca, sobre as caixas... e que non sexa Bruxelas quen decida, engadiu. Porque a Galiza ten dereito a vivir do seu traballo, salientou. Concluíu, apelando á rebelión contra as políticas do PP, que crean máis crise e máis desigualdade.