Os orzamentos xerais traerán máis paro e máis recesión á Coruña e á comarca

Os orzamentos xerais traerán máis paro e máis recesión á Coruña e á comarca

A Coruña, 29 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña, nunha primeira valoración, considera que os orzamentos xerais son negativos para a cidade, porque traerán máis paro e máis recesión. Os nacionalistas poñen como exemplo o caso da ría do Burgo que, por segundo exercicio orzamentario consecutivo, non recibe nin un euro, e o caso da conexión ferroviaria ao porto exterior, cunha consignación de 50.000 euros, unha cantidade que o BNG cualifica de ridícula.

No que respecta á ría do Burgo, os nacionalistas consideran unha irresponsabilidade e un despropósito abandonar a súa rexeneración, porque o seu saneamento integral xeraría riqueza e emprego de calidade. O BNG lamenta que a carta enviada polo Goberno central á Plataforma en Defensa da Ría do Burgo fora un engano aos mariscadores e mariscadoras e critica que o PP renuncie a crear postos de traballo aínda sabendo que desde que Feijóo goberna hai un 28% máis de persoas desempregadas na cidade.

No que ten a ver co porto exterior, os nacionalistas critican o abandono ao que o PP somete a conexión ferroviaria, ao consignar só 50.000 euros, unha cifra que o BNG cualifica como “insultante”. Os nacionalistas poñen de manifesto que o PP afoga Punta Langosteira ao deixar sen conexión ferroviaria o equipamento até máis alá de 2017. E é que, como xa advertiran os nacionalistas, para seguir recibindo axudas da UE, o porto ten que contar con conexión por camiños de ferro. Renunciar á conexión ferroviaria significa renunciar a que o porto exterior conte cun proxecto industrial real e a que opere con normalidade. Lembra ao respecto o BNG que o propio presidente da Autoridade Portuaria admitiu que a falta do tren en Punta Langosteira fixo perder empresas interesadas.

Por último, o BNG da Coruña considera que os orzamentos, que cualifica de centralistas, antisociais e fraudulentos, están elaborados á medida do que dita Bruxelas e os mercados, contra os intereses da maioría da poboación. Ademais, os nacionalistas alertan de que o Goberno central prepara novos recortes e lembran o que aconteceu cos orzamentos de 2012, cando só unha semana despois da súa aprobación, Rajoy anunciou un novo recorte de 10.000 millóns en Sanidade e Educación.

 

Os orzamentos xerais traerán máis paro e máis recesión á Coruña e á comarca