O PP cualifica a ría do Burgo de "prioridade" cando lle dedica 0 euros nos orzamentos
A Coruña, 1 de outubro de 2012.- A ría do Burgo segue a ser prioridade do Goberno municipal, da Xunta de Galiza e do Goberno central. Esta era a resposta do concelleiro de Medio Ambiente á pregunta formulada polo Grupo Municipal do BNG sobre a rexeneración da ría do Burgo, demostrando, así, a pouca decencia do PP cara aos mariscadores e mariscadoras, precisamente, ao coñecermos que o saneamento da ría non recibe nin un só euro, e por segundo exercicio orzamentario consecutivo, nas contas de Rajoy.
A concelleira María Xosé Bravo, que formulou a pregunta oral, lembroulle ao PP que pasara un ano desde que trouxera a Pleno unha moción sobre o saneamento integral da ría, unha moción que contara coa abstención dos nacionalistas ao non recoller a esixencia de calendarizar as actuacións, como compromiso da execución do saneamento. Expuxo Bravo que a moción do PP, textualmente, recollía é vital que o Ministerio de Medio Ambiente asuma as súas competencias e redacte de forma urxente o proxecto para o tratamento e extracción de lodos. E aos poucos meses de aprobaren a moción, soubemos que nos orzamentos de 2012 esqueceran a ría e, hai só dous días, soubemos que nos orzamentos de 2013, vostedes volven esquecer a ría, apuntou, demostran así a ignonimia e o desprezo que desde o Goberno central sinten polo país.
A continuación, a nacionalista cualificou de irresponsabilidade e de despropósito abandonar a rexeneración da ría, por canto o seu saneamento crearía postos de traballo e riqueza. Emprego, Sr. Alcalde, exclamou Bravo, quen criticou que os labores de saneamento e rexeneración da ría foron sempre adiados falta de responsabilidades de quen tiña a obriga de facelo: a Xunta de Galiza e o Goberno central. A este respecto, expuxo que no orzamento de 2011 se incorporara unha emenda, presentada por Francisco Jorquera en Madrid, para destinar 1 millón ao saneamento da ría, pero... sempre hai un pero cando se toman decisións tan lonxe de aquí, por xentes que non nos coñecen nin saben das nosas necesidades.
Bravo, que aludiu á carta enviada polo Goberno central á Plataforma en Defensa da ría, instou o Sr. Negreira a esixirlles ás distintas administracións pórlle fin a este agravio. O seu Goberno amigo é quen ten as competencias e o poder de decisión para o saneamento, díxolle ao alcalde. Por último, instou o Goberno municipal a deixarse de darnos largas falando de estudos e a actuar para vermos no DOG e no BOE a limpeza e a rexeneración da ría do Burgo.
Cid, sobre o cumprimento dos acordos das mocións en defensa de postos de traballo: Mantivemos as reunións e os contactos oportunos
Divagacións construíron a resposta da concelleira de Emprego á pregunta oral formulada polo concelleiro Xan Caxigal para coñecer as medidas do Goberno municipal para aplicar as mocións aprobadas en Pleno por unanimidade en materia de emprego e defensa dos postos de traballo. E é que a concelleira Cid non foi quen de explicarlle ao Pleno da Corporación e á cidadanía as actuacións que o Goberno municipal levou adiante en cumprimento destas mocións.
O nacionalista Xan Caxigal aludiu, na súa intervención, ás mocións aprobadas por unanimidade en defensa dos postos de traballo en Alcoa, Mafecco ou Emesa Trefilería. Caxigal expuxo os resultados nestas empresas. Así, explicou que en Mafecco, a 17 de xullo, foron despedidas 41 traballadoras, sen que tiver lugar ningún tipo de mediación nin negociación por parte do Goberno municipal nin da Xunta de Galiza. Sobre Emesa-Trefilería, o concelleiro do BNG denunciou a falta do apoio da Xunta de Galiza e a inacción e o nulo compromiso do Goberno municipal, cun resultado de 72 traballadores na rúa.
No que ten a ver con Alcoa, Caxigal criticou a nula capacidade de mediación do Goberno da Xunta e a falta de compromiso do Goberno municipal, unhas actitudes que nos levan á situación que hoxe temos: non hai tarifa eléctrica bonificada. Neste sentido, o nacionalista defendeu o deseño en Galiza dunha política eléctrica propia que permita pór en valor a especialización que ten o país neste ámbito e consolidar, así, empresas como Alcoa.
Por último, o concelleiro do BNG aludiu aos datos das afiliacións en alta laboral. Segundo as cifras do Centro Municipal de Emprego, de xullo de 2011 a xuño de 2012 un total de 3.834 persoas residentes no concello deixaron de estar de alta laboral na Seguridade Social, concluía.
O Goberno municipal desenténdese da supresión da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol
No que respecta á pregunta sobre a supresión da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol, que o concelleiro de Urbanismo negou, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, advertiu de que o plan de mobilidade que está a elaborar o Goberno municipal pode nacer con eivas graves como consecuencia do Real Decreto Lei 22/2012, porque supón a privatización dos servizos ferroviarios e o feche de liñas que o Goberno central non considera rendíbeis.
Ante a negativa do Goberno municipal sobre a privatización, Carril leu a disposición adicional primeira do real decreto lei, que indica que antes do 31 de decembro, Fomento levará ao Consello de Ministros unha proposta sobre a viabilidade das infraestruturas que entenda o PP que desde o punto de vista económico e social non sexan rendíbeis. Este novo recorte suporía, no caso da comarca da Coruña, ademais do encarecemento dos billetes e da perda de calidade no servizo, o feche da liña A Coruña-Ferrol, empregada por máis de 80.000 viaxeiros e viaxeiras no 2011, que é unha cifra que representa un 25 por cento máis que no 2008.
Estas cifras, que experimentarán un aumento por mor da crise, evidencian que é necesario investir nun servizo de proximidade que nos una coa comarca de Ferrol e coa nosa comarca con axilidade, comodidade, sustentabilidade e prezos asequíbeis, afirmou. Comparándonos con outros puntos do Estado, padecemos unha clara discriminación, xa Galiza é a única autonomía do litoral do Estado español que carece de servizo de cercanías. Precisamente, o traxecto A Coruña-Ferrol tarda case tanto o AVE Madrid-Valencia, unha hora e media, engadiu.
Así, Carril chamou a rexeitar a exclusión que sofren Galiza e A Coruña respecto doutras autonomías do Estado, que si contan con servizos de proximidade. E iso que A Coruña supera en número de habitantes zonas do Estado español onde os usuarios e usuarias si gozan dun servizo de proximidade, caso de Murcia ou Santander.
A continuación, o portavoz do BNG salientou que a falta de compromiso do PP co tren como medio de transporte ten que acabar xa. Referiuse Carril á desaparición do proxecto do metro lixeiro e ás ridículas partidas destinadas nos orzamentos xerais do Estado, tanto no que ten a ver cos servizos de proximidade como no que atinxe á conexión ferroviaria do Porto exterior.
Por último, Carril pediulle ao Goberno municipal que aposte con firmeza polo tren de proximidade no plan de mobilidade que está a elaborar e que lle demande ao Goberno central esencialmente tres cuestións, que son:
1. Mellorar os servizos de media distancia actuais, tanto en número de frecuencias como no material rodante, abaratar as tarifas e executar un plan urxente de mellora da infraestrutura (como o traspase en Betanzos), co fin de reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol, que na actualidade ten unha duración de 1 h. 15 min.
2. Potenciar as infraestruturas ferroviarias coa posta en servizo das vías de ferro que atravesan as distintas localidades da comarca e pasan polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto e chegan o centro da Coruña, até a Praza de Ourense.
3. Demandar da Xunta e do Goberno do Estado o inicio de negociacións para transferir as competencias en materia ferroviaria nos devanditos corredores á Galiza, co financiamento e os medios adecuados, para a creación dunha Compañía Ferroviaria Pública Galega.