O PP confírmalle ao BNG que só vai haber unha nova escola infantil e non tres, como prometera
A Coruña, 9 de xuño de 2014- En resposta a unha das preguntas orais formuladas pola concelleira do BNG María Xosé Bravo, o concelleiro de Educación do PP veu admitir o que se temía o Bloque: no canto das tres prometidas, só vai haber unha nova escola infantil pública. E isto, a pesar de que perto de 1.400 menores quedaron sen praza nas escolas infantís públicas da cidade.
Así, á pregunta de cando e onde se vai construír a escola infantil do programa Educa3, a do convenio da Xunta de Galiza coa Fundación Amancio Ortega e a municipal que estaba programada para a Sardiñeira, o Goberno do Sr. Negreira contestou que só se vai construír unha en 2015, a da Fundación Amancio Ortega, que vén a ser, segundo recoñeceu, a famosa escola municipal, malia que até o de agora, o Goberno do PP diferenciaba nas súas intervencións públicas a escola da Fundación Amancio Ortega e a municipal como dous centros diferentes. Nada dixo da prometida escola do programa Educa3.
O Sr. Mourelo sinalou que esta escola vai ser construída na Sardiñeira, ao carón do instituto, no último trimestre deste ano. Ademais de avanzar que nas próximas semanas o Goberno municipal asinará o convenio coa Fundación Amancio Ortega, o concelleiro de Educación aventurouse a adiantar que a escola da Sardiñeira estará operativa a partir do curso 2015-2016.
Estamos diante do Misterio da Santísima Trinidade
Na súa intervención, a concelleira nacionalista lembrou que foi no 2010 cando o Ministerio de Educación e a Xunta de Galiza asinaron o convenio a construción de escolas infantís unha delas na Coruña- dentro do programa Educa3. Tamén apuntou que en marzo de 2012 a Fundación Amancio Ortega asinou un convenio coa Xunta de Galiza para construír nove escolas infantís unha delas na Coruña- e que en decembro de 2012 o Goberno municipal comezou o proceso para segregar unha parcela na Sardiñeira para a construción dunha escola infantil municipal. Salientou que na documentación relativa ao estudo de detalle aprobada en pleno esta escola aparece como municipal.
Tres escolas infantís na Sardiñeira? Ou unha soa? Estabamos diante do Misterio da Santísima Trinidade? A ver se o entendín ben... a escola infantil que construirá a Fundación Amancio Ortega será na Sardiñeira e entón a escola infantil municipal, cuxo estudo de detalle foi aprobada en pleno, é esa mesma? Dúas escolas que en realidade é unha, unha escola e unha paloma? Porque a do programa Educa3, marchou voando?, ironizou María Xosé Bravo.
A nacionalista tamén lle preguntou ao Goberno municipal se lle parecían suficientes sobre as axudas de emerxencia social e a renda de inserción social de Galiza (Risga), ao que o concelleiro de Servizos Sociais contestou axudan a sociedade. Despois de debullar os datos de Cárotas e da Rede Europea contra a Pobreza sobre a exclusión social, a concelleira do Bloque denunciou que os prazos de espera e os criterios para acceder a estas prestacións non fan máis que aumentar. Nesta liña, referiuse a un cúmulo interminábel de atrancos, burocracias, modificacións lexislativas, atrasos, incumprimentos, reformas administrativas... unha carreira de obstáculos que hai que pasar para acceder ás axudas sociais.
O PP contéstalle ao BNG que non existen problemas de calidade do aire nin de saúde pública nos Castros
Pola outra banda, á pregunta sobre as medidas que pensa adoptar o Goberno municipal para garantir a calidade ambiental e a saúde pública do barrio de Oza, A Gaiteira e Os Castros, o concelleiro de Medio Ambiente contestou contundente: non existen problemas de calidade do aire nin de saúde pública. E isto, a pesar das numerosas persoas que se ven na obriga de acudir ao CHUAC con afeccións respiratorias derivadas das descargas de graneis no porto.
A concelleira do Bloque Avia Veira tirou das cifras recollidas polos medidores da Autoridade Portuaria e sinalou que os días 15 e 16 de maio se superaron até en 14 ocasións os 15 µg/m³, chegando até os 253 pasando polos 125 e os 131 µg/m³. Ante as evidencias, Avia Veira acusou o Goberno do PP de dar unha maxistral lección de lavatura de mans e de non ser quen de antepór a saúde da veciñanza que sofre importantes problemas respiratorios e alérxicos ao negocio da Autoridade Portuaria.
Por último, a edila do BNG reclamou que se fixese público o informe que lle dá abeiro á retirada da bandeira azul da praia de Oza, informe que determina unha baixada na calidade ambiental da auga do areal de Oza.