O BNG anima a participar na concentración do nacionalismo para poder decidir o noso futuro
A Coruña, 9 de xuño de 2014- O Bloque Nacionalista Galego anima a cidadanía a participar nas concentracións do nacionalismo galego que terán lugar mañá, martes, ao longo de todo o país para reivindicar que Galiza poida decidir o seu futuro e pola República galega. No caso da Coruña, a mobilización será ás 20h no Obelisco.
O BNG considera que é preciso aproveitar a abdicación do Rei para pechar o vello réxime e dar paso a un novo proceso constituínte que recolla o dereito dos pobos a decidir. Trátase de encetar unha dinámica propia que lle permita a Galiza pór encima da mesa os problemas do país cunha axenda galega, que non é a mesma axenda que lle interesa aos que desde Madrid pretenden pilotar este proceso cunha solución tramposa a esta crise institucional.
Neste sentido, o BNG entende que non se trata só de mudar a forma do Estado de monarquía a república, que considera obvio, senón de recoñecer o dereito a decidir das nacións sen Estado, como Galiza. De aí a demanda dun novo proceso constituínte. De pouco serve cambiar o artigo primeiro da Constitución que estabelece a monarquía como forma política do Estado español, se despois no se toca o artigo segundo no que se proclama a indisolúbel unidade da nación española.