O PP aproba, en solitario, o PXOM dos promotores
A Coruña, 26 de decembro de 2012.- O PP aprobou esta mañá en solitario, co voto en contra do Grupo Municipal do BNG, o seu PXOM, ocultando, sen éxito, os cambios no contorno do ámbito de protección da refinaría, no fóra de ordenación e nos mamotretos da Torre de Hércules. O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que "o plan xeral volve a Pleno para unha nova aprobación provisional (unha segunda aprobación provisional), co fin de facer o que antes non quixo facer o Goberno municipal polas présas chapuceiras que o caracterizan, de cara á súa aprobación definitiva pola Xunta de Galiza".
"Non hai que esquecer que se o PXOM vén de novo hoxe ao Pleno é, precisamente, porque a Xunta de Galiza non lle deu aínda a súa aprobación definitiva polas eivas que contiña e que necesariamente había que corrixir", expuxo. Explicou, a continuación, que "non lla deu porque, entre outras moitas razóns, a Xunta de Galiza non lle permite a ampliación da zona residencial no contorno de ámbito de protección da refinaría". "O mesmo sucede coa súa proposta de mamotretadas no entorno da Torre de Hércules como agasallo aos promotores, que a Xunta de Galiza obrigou corrixir, especialmente a súa proposta de ocupar con uso terciario a superficie de espazos libres da Agra de Santo Amaro, alén de esixirlles que se identificase a localización concreta do aproveitamento urbanístico en Durmideiras", engadiu. "E o mesmo sucede coa súa proposta do fóra de ordenación, que non lle colou á Xunta, razón pola que houbo que cambiar substancialmente a normativa do PXOM, algo que o Goberno municipal quixo ocultar e silenciar para evitar evidenciar o incumprimento da promesa perversa e demagóxica do fóra de ordenación do Sr. Negreira", salientou.
Refinaría: imposibilidade da ampliación da zona residencial no contorno de ámbito de protección da refinaría e a incidencia da análise cuantitativa de riscos
No que ten a ver coa refinaría, o portavoz do Grupo Municipal do BNG puxo de manifesto que "a Xunta de Galiza non permite a ampliación da zona residencial no contorno de ámbito de protección da refinaría". Así, Carril lembroulle ao Goberno municipal que "vostedes decidiron actuar en contra dun ditame técnico que puña de manifesto os perigos da refinaría Repsol, onde hai fixadas unhas servidumes que limitan a construción en base ao Plan de Emerxencia Exterior da Agrela-Bens, elaborado pola propia Xunta de Galiza no 2011". "E a isto hai que engadirlle que tampouco esperaron pola elaboración dunha completa Análise Cuantitativa de Riscos (ACR), razón pola que unha grande parte da superficie de solo urbanizábel do PXOM está condicionada a unha Análise Cuantitativa de Riscos", apuntou. "Non será porque non lle tivese advertido o BNG ao Goberno Local a existencia deste ditame técnico e lle solicitase ter en conta as súas conclusións contundentes, no Pleno de agosto", engadiu. Carril expuxo que, deste xeito, case as ¾ (o 71,61 %) de toda a edificabilidade do solo urbanizábel do PXOM está condicionada ao que determine unha análise cuantitativa de riscos.
Ademais, o portavoz nacionalista salientou outra grande ocultación do Goberno municipal en relación á refinaría. "Un total de 1.057.241 m2 de zonas verdes previstas no PXOM localízanse en terreos afectados pola refinaría, o que equivale a un 29% do total", apuntou.
Fóra de ordenación: o silencio do incumprimento dunha promesa perversa e demagóxica
Sobre o fóra de ordenación, Carril subliñou que a proposta do Goberno municipal "non colou" na Xunta de Galiza, porque houbo que cambiar, substancialmente, a normativa do PXOM, que o Sr. Negreira pretendeu ocultar e silenciar.
O nacionalista explicou que a Xunta de Galiza non autoriza que un edificio con alturas de máis poida ser substituído por outro igual, que o PXOM aprobado en agosto permitía, conservando volume e plantas en caso de se levantar un novo inmoble. "A Xunta de Galiza non o autoriza porque obriga a que, en caso de substitución dun edificio por outro novo, teña o número de plantas segundo o ancho da rúa", sinalou. "Ao Goberno Local interésalle ocultar isto porque a utilización perversa e demagóxica do fóra de ordenación do Partido Popular na súa etapa de oposición queda máis que evidenciada. Obvian intencionadamente este cambio porque pretenden ocultar e silenciar o evidente: a Xunta rexeitoulles a súa proposta relativa ao fóra de ordenación, de xeito que, contrariamente ao dito por este goberno durante tanto tempo, a edificabilidade dos edificios existentes non se conserva, xa que en caso de substitución o novo edificio debe axustarse ás alturas que determina a norma zonal 2, determinadas en función do ancho da rúa", afirmou.
Dada a intervención do Sr. Fernández Prado neste punto, Carril tivo que lembrarlle o que dicía, literalmente, a norma, sinalándolle que "os edificios existentes NON conservan a edificabilidade, xa que de seren substituídos, débese aplicar os parámetros de alturas e plantas da norma zonal 2 (en función do ancho da rúa, ao igual que para as novas edificacións). A normativa que agora figura no PXOM respecto das obras autorizábeis nos edificios existentes diferencia dúas normas alternativas e excluíntes: os que cumpren coas alturas e os que as superan", expuxo.
E no apartado 5, que é o que regula as obras autorizábeis nos edificios que "superan" alturas ou plantas, precísase agora que as obras de sustitución deberán adaptarse ás alturas e plantas da norma zonal (reguladas no seu apartado 4)
Malia os cambios esixidos pola Xunta de Galiza, persiste a mamotretada na contorna da Torre de Hércules, alén de descualificar a ordenación urbanística do barrio de Durmideiras
O mesmo sucede, sinalou Carril, respecto da proposta do Goberno municipal en relación coas mamotretadas na contorna da Torre de Hércules como agasallo aos promotores, que a Xunta de Galiza mandou corrixir, especialmente a súa proposta de ocupar con uso terciario a superficie de espazos libres da Agra de Santo Amaro, alén de esixir que se identificase a localización concreta do aproveitamento urbanístico en Durmideiras.
"Non hai que esquecer que a Xunta de Galiza lle tirou das orellas ao Goberno do Sr. Negreira pola proposta de ocupar con uso terciario a superficie de espazos libres da Agra de Santo Amaro (ocupación que pretendían facela aproveitando o desnivel do terreo), dado que agora só se pode destinar o subsolo dos espazos libres con destino a equipamento público", expuxo Carril.
Con todo, o Goberno municipal persiste nos seus mamotretos, desoíndo o indicado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza. O PXOM non localiza o aproveitamento do PE-Q14 (Torre de Hércules), nin os 17.650 m2 de uso residencial nin os 39.345 m2 de uso terciario. Ademais, os 17.650 m2 de uso residencial, ao materializárense en bloques de B+5+BC, suporían unha superficie de ocupación en planta de ao redor de 3.000 m2 (17650/5,75), ou o que é o mesmo, un bloque de 20 x 150 (ou dous de 20x75) ou un de 30x100 (ou dous de 30x50). "En definitiva, unha mamotretada", denunciou.
E a isto hai que engadirlle, advertiu Carril, que a área de movemento da nova edificación se sitúa en parte dentro do sector do Plan Parcial de Durmideiras, integrando a totalidade de Durmideriras dentro do PE-Q14. Así, mesmo se suprimen as calificacións urbanísticas da totalidade do barrio por unha razón evidente: espazos libres ou zonas verdes do barrio de Durmideiras van ser destinadas á superficie edificábel onde materializar os mamotretos. En consecuencia, o PXOM descualifica a ordenación urbanística do barrio de Durmideiras, tal e como consta no Informe complementario.
Carril: "Non é certo, como di o Goberno municipal, que cambie a política urbanística con este PXOM, dado que continúa coa política vazquista e de favores ás grandes promotoras"
Ademais, Carril puxo de manifesto que este PXOM está feito a gusto dos grandes promotores, porque as súas alegacións non só foron aceptadas, senón que mesmo foron melloradas polo Goberno municipal nalgúns casos. "Hai unha cousa indiscutíbel e innegábel: os grandes promotores xa saben de antemán o que o Partido Popular lles vai aprobar", salientou. "A diferenza do conxunto da cidadanía da Coruña, que descoñece que é o que se vai aprobar, si o saben Inmobiliaria Costa Coruña (de Manuel Soto), Construcciones Fontela (da familia Fontenla), Invest Cos (de Souto, Collazo e Jove), Inverante (de Manuel Jove) e Anjoca (de Ángel Jove), tendo en conta que todas as súas alegacións ao Plan xeral, aprobado inicialmente no ano 2009, foron admitidas e mesmo melloradas polo Goberno Local do Partido Popular, nunha nova demostración do seu altruísmo e da súa xenerosidade para os grandes", engadiu.
Carril rematou a súa intervención poñendo como exemplo o caso da Inmobiliaria Costa Coruña (de Manuel Soto), a quen o Goberno municipal lle estima a súa alegación e mesmo lla mellora. Na súa alegación solicitaba a reclasificación de terros rústicos como novo sector de solo urbanizábel destinado integramente á construción de vivendas de protección oficial. "O Goberno municipal non só estima esta alegación, senón que mesmo a mellora, porque a promotora solicitaba reclasificación de terreos rústicos para que sexan urbanizábeis con destino íntegro á construción de vivendas VPO e o Goberno local clasifícaos como urbano non consolidado e sen un metro cadrado para as citadas vivendas de protección oficial", sinalou.
"Estamos, en definitiva, ante un Plan xeral que ten nome e apelidos moi concretos, porque é un plan feito ao seu gusto e interese económico das grandes promotoras. Estamos, en definitiva, ante un Plan xeral que se aparta das necesidades reais da nosa cidade e da súa veciñanza, precisamente porque este Plan xeral non é o que necesita a cidade da Coruña, tendo en conta que a nosa cidade nin é nin debe ser das grandes promotoras", concluíu Carril.