Cambio tras cambio, erro tras erro, non se coñece aínda que PXOM se vai aprobar

Cambio tras cambio, erro tras erro, non se coñece aínda que PXOM se vai aprobar

A Coruña, 21 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que imos chegar ao Pleno sen que o propio Goberno municipal saiba que é o que se vai aprobar, porque é tal a sucesión de nova documentación en relación coa tramitación do PXOM con cambios sobre cambios que fan realmente difícil sabermos con exactitude a repercusión que isto vai supoñer, alén da inseguridade xurídica.

Desde o informe-proposta de acordo do Goberno municipal, de 17 de decembro de 2012, até o propio día de hoxe, en que tivo lugar a Comisión Informativa previa ao Pleno, a documentación do Plan Xeral que se somete a aprobación o mércores foi obxecto de cambios (o día 19 de decembro), de cambios sobre estes cambios o día de hoxe (21 de decembro) e de incorporación de nova documentación que pretendendo explicar todos os cambios introducidos induce a maior confusión porque non se corresponde coa documentación que vai a Pleno, de modo que con toda probabilidade será obxecto de cambios antes de que se celebre a propia sesión plenaria.

Cambios sobre cambios

No informe proposta de acordo do 17 de decembro alértase dos cambios que hai en relación co documento aprobado no Pleno do mes de agosto. Na documentación que acompaña este informe-proposta houbo erros que tiveron que subsanar por así advertirllo o Grupo Municipal do BNG, razón pola que o 19 de decembro de 2012 se remite un novo documento para corrixir tales cambios. Esta mesma mañá, logo de advertir o BNG de erros nos cambios feitos sobre os cambios, o Goberno municipal entrega unha nova documentación para corrixir definitivamente a ficha da Torre de Hércules.

Cambios que non foron advertidos

No informe proposta de 17 de decembro omítense, entre outros moitos cambios a respecto do documento aprobado en agosto, os cambios en fichas moi concretas que afectan ás condicións de xestión e execución dos polígonos. É o caso da ficha que se corresponde co parque da Agra (POL M22), en que cambia o sistema de iniciativa privada por compensación polo de iniciativa pública por cooperación, cambio que non foi advertido e cuxa xustificación non aparece mencionada por ningunha parte.

Cambios que necesariamente se terán que facer antes do Pleno

No documento de fichas urbanísticas (Normativa urbanística. Fichas Urbanísticas) contense, ao final, un apartado 3 relativo ao aproveitamento tipo na nas áreas de reparto. En teoría, este cadro de cálculo debería coincidir co que se concreta en cada unha das fichas finais. Mais non é así. De modo que se isto non se corrixe antes da súa aprobación polo Pleno, ímonos atopar con dous documentos contraditorios entre si, provocando os correspondentes problemas de interpretación e aplicación, con todo o que isto supón para a seguridade xurídica que esta documentación debe ter.

Incorporación de nova documentación entregada hoxe mesmo para dar conta de todos os cambios, con indicación de cambios que non coinciden coa documentación que ten que aprobar o Pleno

O día de hoxe, entrégaselle ao Grupo Municipal do BNG un documento denominado "Informe municipal complementario ao emitido con data de 30 de xullo de 2012", asinado o 12 de novembro de 2012. Aínda que poida parecer que é un documento do Goberno municipal para explicar todos os cambios que houbo en relación co PXOM en agosto de 2012, en realidade é o documento que a propia Xunta de Galiza lle mandou ao Goberno municipal para corrixir todas as eivas que tiña o PXOM aprobado en agosto. Chama a atención deste documento apartados moi específicos sobre cambios necesarios que se deberían facer e que, a día de hoxe, aínda non se fixeron. Este é o caso citado do cadro do cálculo dos aproveitamentos tipo orientativos, dado que neste documento se di literalmente no apartado 1.4 normas urbanísticas do epígrafe 1 "refacer o cadro de cálculo dos aproveitamentos tipo orientativos, de conformidade cos datos das fichas finais" (páx 82595). Cambio que como antes se advertiu aínda non se fixo e que debería facerse antes da aprobación polo Pleno o próximo mércores.

 

Cambio tras cambio, erro tras erro, non se coñece aínda que PXOM se vai aprobar