O BNG e Os Comités reclaman un bonobús estudantil universitario como o de Compostela e Vigo
A Coruña, 21 de decembro de 2012.- A concelleira Avia Veira ofreceu esta mañá unha rolda de prensa con responsábeis dos Comités para denunciar a suba desproporcionada do billete do autobús e para reclamar un bonobús universitario do que se beneficiasen todos e todas as estudantes da UdC, como acontece nas cidades de Santiago de Compostela e de Vigo, un bonobús que se sumaría á tarifa especial da que dispoñen hoxe en día algúns estudantes da universidade con menor capacidade económica.
Veira advertiu de que nos parece unha desvergoña que a Compañía de Tranvías encareza, un ano máis, os billetes do autobús cando está a prestar un servizo xa de por si caro, deficiente e que lle custa moitos cartos ao Concello.
Referiuse, a continuación, á fórmula polinómica coa que se calculan as tarifas, unha fórmula que Veira cualificou de perversa, xa que provoca que todos os anos se encareza o prezo xenérico do bus e dos bonobuses e que, á vez, aumenten as subvencións que o Concello da Coruña lle outorga á empresa. Se o Sr. Negreira segue mirando cara outro sitio e non corrixe esta fórmula, o ano que vén volverá subir o prezo do bus e, en consecuencia, aumentarán as subvencións, explicou. De aí que insistise, por enésima vez, en que o Goberno municipal debe revisar a concesión á Compañía de Tranvías, nomeadamente, esta fórmula.
A concelleira do BNG acusou o alcalde de ser cómplice de que se lle encareza o prezo do billete do bus ás persoas que pasan máis dificultades para chegar a fin de mes. E é que o incremento das tarifas é maior, porcentualmente, para as persoas con menor capacidade económica. Así, sinalou que mentres a tarifa xenérica aumenta un 5,83% (até os 1,27 euros) respecto do ano pasado, o bonobús ordinario, un 9,33% (até os 82 céntimos), o bonobús escolar, o das persoas xubilidas, con discapacidade e desempregadas subirá un 10% (até os 33 céntimos) e o bonobús para universitarios, un 11,1% (até os 30 céntimos).
Veira salientou que, á vista destes datos, o colectivo que máis sofre o encarecemento do billete é, precisamente, o das persoas que estudan na universidade. E, paradoxalmente, a liña máis rendíbel para a Compañía de Tranvías é a especial universidade, apuntou. A concelleira do BNG sinalou que esta liña non ten condutores asignados, polo que se cobre coas horas extraordinarias que realizan os traballadores.
Os Comités reclaman mellora no servizo da liña universitaria, mal conectada cos barrios
Pola súa banda, Ana Barxa, responsábel de Campus dos Comités, informou de que esta mañá foron entregadas no rexistro do Concello máis de 2.500 sinaturas contra o encarecemento das tarifas do autobús, resultado da primeira parte da campaña que a organización estudantil comezou hai 15 días. Por culpa do PP, imos ter que subir a pé aos campus, denunciou.
Ademais de reclamar un bonobús universitario para todas as persoas que estudan na UdC, Barxa esixiu unha mellora no servizo da liña especial universitaria, mal conectada cos barrios.