"Pokemon": O BNG volve exixirlle ao Sr. Negreira que adopte medidas coas persoas imputadas
A Coruña, 25 de xaneiro de 2014.- Despois das declaracións do portavoz do Goberno municipal do PP, o Sr. Flores, e despois de que á xuíza lle quede claro que hai que seguir mantendo as imputacións, o BNG da Coruña volve esixirlle ao Sr. Negreira que adopte medidas en relación ás persoas imputadas na trama da operación Pokemon no Concello da Coruña, coñecida por Pikachu. Así, o BNG non entende como o alcalde da Coruña non empraza a dimitir os concelleiros imputados, como non cesa o persoal de confianza que asesora o Goberno do PP e como non aparta as e os funcionarios de todo proceso administrativo relacionado coas contratacións.
O BNG da Coruña pon de manifesto que, na medida en que a política non unha profesión senón unha vocación de servizo público que debe exercerse en base á ética pública, á confianza e á responsabilidade ante a cidadanía, cando os cargos políticos son imputados pola súa función pública, nace unha sospeita que lle afecta á confianza da cidadanía sobre as institucións públicos. E esta falta de confianza, apuntan os nacionalistas, só pode rematar coa depuración de responsabilidades políticas, a través de dimisións e ceses dos cargos políticos e de confianza.
O BNG salienta que a responsabilidade política ten como fin a protección de intereses colectivos e públicos, e non ten nada que ver coa presunción de inocencia de hipotéticas responsabilidades penais
Nesta liña, o Bloque insiste en diferenciar responsabilidade política e responsabilidade penal. Así, mentres a presunción de inocencia é unha garantía persoal da persoa imputada nunha causa penal para a súa protección durante o procedemento xudicial, a responsabilidade política ten como fin a protección de intereses colectivos e públicos. Os nacionalistas insisten en que a ética pública, a confianza e a responsabilidade que deben operar no exercicio da política quebran cando os responsábeis políticos imputados seguen no cargo mentres as súas condutas non sexan condenadas por delito. Así, o BNG fai fincapé no feito de que un comportamento pode non ser delitivo pero si incompatíbel cos principios éticos do bo goberno.
Sexa cal sexa o resultado penal, salienta o BNG, o dano sobre aqueles intereses colectivos estaría feito, precisamente, por mantérense no cargo os responsábeis políticos e persoal de confianza. O Bloque advirte de que isto se pagaría coa desconfianza, co afastamento e co desapego do pobo, así como co descrédito do Público e das Institucións democráticas, sementándose o caldo de cultivo para a xestión por tecnócratas autoritarios (ou fascismo).