Só a megalomanía e insensibilidade do Sr. Negreira e do Sr. Losada xustifica a obra da Mariña
A Coruña, 24 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que só os caprichos, a megalomanía e mais a insensibilidade dos Sres. Negreira e Losada xustifican o dispendio de cartos públicos na innecesaria obra da zona da Mariña. Nesta liña, o Bloque salienta que mentres o alcalde e o presidente da Autoridade Portuaria brincan e se amosan efusivos coas súas recreacións virtuais da obra, os barrios presentan partes concretas que se están a deteriorar a pasos de xigante e hai cada vez máis persoas sen recursos que se empobrecen aínda máis polos recortes do PP en servizos públicos.
Así, o Grupo Municipal do BNG defende que o investimento público ten que dirixirse ás necesidades máis urxentes das persoas e a paliar as carencias primarias que teñen os barrios. Sinala o BNG que a veciñanza máis afectada pola crise está a verse aínda máis excluída polas medidas antisociais do PP como o copagamento sanitario e de medicamentos, o copago en servizos sociais, os recortes en dependencia, en sanidade e en educación, encarecemento do bus, da auga ou da enerxía eléctrica... E advirte de que os barrios teñen cada vez máis necesidades en relacións a cuestións básicas. O BNG pon como exemplos o caso da praza do mercado de Monte Alto, cuxo firme, ateigado de fochancas con auga, presenta un estado deplorábel; as eivas do servizo de recollida de pluviais en Bens, Elviña, Labañou ou en San Pedro de Visma; o arranxo de superficies de moitas rúas en San Pedro de Visma, Palavea ou na Agra do Orzán; o mantemento, coidado e a mellora da seguridade dos parques infantís nas Lagoas, en Novo Mesoiro ou Labañou...
Neste contexto, o Bloque denuncia que o Partido Popular quere construír dúas cidades, centralizando os investimentos públicos nunha parte concreta (A Mariña) á vez que exclúe os barrios. O Goberno do Sr. Negreira crea, deste xeito, un centro excluínte con periferias excluídas.