O dispendio de cartos públicos na Mariña require a aprobación definitiva do PEPRI
A Coruña, 25 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG advírtelle ao Goberno do Sr. Negreira de que acometer o proxecto presentado no día de onte para a zona de Mariña implica, necesariamente, a aprobación definitiva do PEPRI. E, para isto, antes ten que responder a todas as alegacións formuladas, entre elas, as do BNG.
Precisamente, o Bloque advertiu nunha das alegacións que os xardíns da Mariña ían desapareceren, ao ficar pavimentado este espazo público que a día de hoxe é zona verde. Salienta o BNG que o Goberno do Sr. Negreira non deu xustificación ningunha que sustente esta intervención de pavimentación desta área.
Na alegación ao PEPRI relativa á Mariña, o Bloque reclama que os xardíns sigan a manterse como zona verde, máxime cando son necesarias máis dotacións de áreas infantís e de espazos públicos verdes nesta zona na cidade, en que son, practicamente, inexistentes a día de hoxe. O BNG salienta na alegación que é preciso manter os espazos verdes (xardíns da Mariña) dado que a pavimentación non ten sentido e provoca máis prexuízos que beneficios.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG volve poñer de manifesto que o investimento público millonario na zona da Mariña, investimento que se vai financiar cun empréstito bancario, vai en detrimento do necesario investimento público nos barrios da cidade, cada vez máis deteriorados e máis abandonados polo Goberno municipal do Partido Popular. O BNG denuncia que o estado dos barrios é cada vez peor e que o Sr. Negreira renuncia a acometer as melloras básicas que precisan. Así, o PP centraliza todo o investimento público nunha parte concreta da cidade e crea periferias que fican excluídas.