PEPRI: Barra libre e á carta en materia de urbanismo
A Coruña, 12 de decembro de 2014.- Nunha primeira valoración do documento do PEPRI aprobado de forma provisional pola Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, o Bloque Nacionalista Galego considera que, cos cambios introducidos a mantenta a última hora polo Goberno Local, o novo documento do PEPRI supón unha aposta definitiva pola barra libre á carta en materia de Urbanismo na zona afectada. Logo de que o equipo redactor do Plan especial presentase o documento para aprobación provisional o 15 de outubro de 2014, que incorporaba as modificacións motivadas pola exposición pública do plan e os informes sectoriais emitidos (incluíndo o da Dirección Xeral de Patrimonio), o Goberno Local aproveitou para introducir cambiazos significativos neste documento, a través dun informe con data de 31 de outubro de 2014, que empeoraba aínda moito máis o documento inicial obxecto de exposición pública.
Trátase dun documento que segue remitíndose ao PMUS en materia de reordenación dos viarios e aparcadoiros en beneficio só das concesionarias privadas, que non deixa de ser un documento de xestión do tráfico rodado.
Mais o grave é que, logo dos cambiazos introducidos a mantenta polo Goberno Local, estamos ante un documento que liberaliza a ordenación urbanística con cambios principalmente tanto na súa memoria como na normativa urbanística. En primeiro lugar, é algo que se pode evidenciar cando regula o alcance normativa dos documentos no seu artigo 7 sinalando que os planos números 8 (intervención no espazo público), 9 (pavimentación do espazo público) e 10 (rede viaria e aparcadoiro) só teñen carácter orientativo e non vinculante. En segundo lugar, nos órganos asesores en materia de protección patrimonial, que cambia na súa composición, na súa designación (antes polo pleno municipal e agora pola xunta de goberno local) e no carácter dos seus informes (antes con carácter xeral preceptivos e agora con carácter de non vinculante). En terceiro lugar, nas limitacións á publicidade exterior (moi flexibilizada). En cuarto lugar, na nova regulación permisiva das unións funcionais entre inmóbeis colindantes. En quinto lugar, na ampliación da superficie ocupada. En sexto lugar, na ampliación dos voos de edificación, singularmente no que ten que ver co saínte máximo dos balcóns. En sétimo lugar, na regulación das cubertas permitindo a instalación de bufardas. En oitavo lugar, no que ten que ver na autorización de toldos. En noveno lugar, na regulación dos tipos de usos. En décimo lugar, nas subdivisións de vivendas que antes só se permitía para as de maiores de 150 metros e que agora non ten este límite. E por último, nas normas particulares de zona, liberalizando o réxime de usos na totalidade de edificios da Cidade Vella, Atochas-O Derribo, Pescadaría Sur, Pescadaría Norte e o Ensanche e autorizándose plantas baixo rasante ocupando a totalidade da parcela e usos complementarios en planta inferior á baixa, planta baixa, primeira e plantas altas vinculadas á baixa.