O BNG solidarízase cos traballadores de Alcoa e critica o pasotismo do PP
A Coruña, 12 de decembro de 2014- A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, acudiu este serán á manifestación convocada na Coruña en apoio aos traballadores da factoría coruñesa de Alcoa e en defensa dos 400 postos de traballo que están en risco polas nefastas políticas do PP sobre as tarifas eléctricas. Fíxoo cunha nutrida representación do BNG, entre os que se atopaban o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, e co portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, quen criticaron o pasotismo do Partido Popular en todas as administracións que goberna, comezando por Soria, pasando por Feijóo e acabando con Negreira.
En declaracións aos medios antes de dar comezo a mobilización, Rosana Pérez afirmou que estamos aquí para solidarizarnos cos centos de traballadores de Alcoa e non esquecemos outros traballadores como os de Megasa en Narón, que tamén están a sufrir unha situación de grande inquedanza laboral por temor a perder os seus postos de traballo. Comprendemos a preocupación e a indignación dos traballadores sempre é o chanzo máis feble da cadea quen acaba pagando as consecuencias dunhas políticas erróneas que só favorecen as grandes corporacións eléctricas, en detrimento da industria asentada na Galiza, sinalou.
A deputada do BNG aludiu ao sistema de interrumpibilidade e aos efectos perversos para as industrias localizadas en Galiza e demandoulle ao ministro de Industria a retirada deste tipo de sistema baseado en poxas e a volta ao sistema anterior de prezo por consumo. Porén, Rosana Pérez deixou claro que os males veñen de máis alá. O Goberno do PP negouse a facer unha modificación en profundidade do sistema eléctrico, especialmente no relativo á fixación dos prezos eléctricos, e así padecemos os prezos da enerxía dos máis caros de Europa.
Cualificou de asfixiante a situación e reivindicou unha tarifa eléctrica propia para Galiza por ser exportadora de enerxía e como compensación á explotación dos seus recursos naturais. Foi especialmente incisiva na súa exixencia ao ministro de Industria de que non se permita o desmantelamento de centos de postos laborais. Así, dirixiuse ao Sr. Soria porque non están as cousas para falar con tanto desprezo e apelouno a facer as cousas ben por unha vez. Implíquese e evite que as cifras do paro sigan a aumentar por conta dos galegos e galegas.