Sen dar explicacións, o PP fixo un novo PEPRI, coa rebaixa de protección en edificios
A Coruña, 13 de decembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que, sen explicar as razóns, o Goberno Local fixo un novo PEPRI cambiando radicalmente o 31 de outubro deste ano o documento para aprobación provisional entregado 15 días antes polo equipo redactor do Plan. Así, sinalan as nacionalistas, a barra libre e á carta en materia de urbanismo, que leva parella a rebaixa do nivel de protección dalgúns dos edificios catalogados e cambios en materia de equipamentos (supresión dalgúns existentes e substitución de público a privado dalgúns casos), liberaliza a ordenación urbanística con cambios relevantes na memoria e na normativa urbanística do PEPRI.
E é que despois de que o equipo redactor do Plan especial presentara o documento para aprobación provisional o 15 de outubro de 2014, que incorporaba as modificacións motivadas pola exposición pública do plan e os informes sectoriais emitidos (incluíndo o da Dirección Xeral de Patrimonio), o Goberno do Sr. Negreira aproveitou para introducir cambiazos significativos neste documento, e sen explicación ningunha, a través dun informe con data de 31 de outubro de 2014, que empeoraba aínda moito máis o documento inicial obxecto de exposición pública.
Ademais de rebaixar o nivel de protección dalgúns edificios catalogados (caso do Cinema Avenida e do antigo Goberno Militar, entre outros), suprimir a súa identificación como equipamentos (caso das Fundacións Barrié, Abanca, Paideia, e Hércules Edicións) e cambiar de público a privado algúns de tales equipamentos (caso da Fundación Luis Seoane), o Goberno Local liberalizou a ordenación urbanística con cambios principalmente tanto na súa memoria como na normativa urbanística.
Alén das modificacións operadas a última hora na súa memoria, as normas urbanísticas padeceron, entre outros moitos, os seguintes cambios:
Alcance normativo dos Documentos
O artigo 7, das Disposición Xerais, sobre o alcance normativo dos documentos, ten unha engádega na que salienta que os planos números 8 (Intervención no espazo público), 9 (pavimentación do espazo público) e 10 (rede viaria e aparcamento) teñen carácter orientativo e non vinculante, dando así pé para que o Goberno faga o que queira.
Órganos asesores en materia de protección
O artigo 27, sobre os órganos asesores en materia de protección do patrimonio cultural, modifícase en canto á súa composición, a súa designación (o PEPRI aprobado provisionalmente recolle que serán designados pola Xunta de Goberno Local e o PEPRI aprobado inicialmente recollía que fosen designados polo Pleno Municipal) e no carácter dos seus informes, que, a diferenza do documento inicial, deixan de ser preceptivos con carácter xeral no PEPRI aprobado provisionalmente no día de onte polo Goberno Municipal.
Limitacións á publicidade exterior
Coa aprobación provisional do PEPRI, no artigo 44 son excluídas as limitacións á publicidade exterior nas edificacións catalogadas que non sexan do grao de protección 1 e 2 e non estean no ámbito do Plan especial incluído no Conxunto Histórico declarado e na súa zona de contorna.
Unións funcionais de edificios e agrupacións parcelarias
Inclúese un novo artigo, o 89.bis, co que se permite as unións funcionais entre inmóbeis colindantes, pasando por riba da necesidade de respectar e protexer a protección dos edificios implicados.
Ademais, os cambios introducidos a última hora pola Goberno Local permiten as agrupacións parcelarias, modificando sen máis o parcelario clásico e tradicional da zona.
Superficie ocupada
O artigo 91 engade a posibilidade de ocupar coas plantas soto a totalidade da parcela.
Voos de edificación
Amplíanse os voos de edificación modificando o artigo 102, singularmente no que ten que ver co saínte máximo dos balcóns, que se amplían cos cambiazos de última hora do Goberno Local.
Cubertas
Múdase o artigo 118, sobre cubertas, para permitir a instalación de bufardas, que pasan a contar agora cunha nova regulación específica no artigo 118 bis.
A instalación de bufardas estaba prohibida na aprobación inicial do PEPRI.
Toldos e marquesiñas
Permítese a instalación de toldos modificando a redacción do artigo 123, cando na aprobación inicial se prohibían.
Normas xerais de uso
Na regulación dos tipos de uso dos edificios, existen cambios no artigo 127, que son moi diferentes aos que figuran na aprobación inicial.
Ordenanzas reguladoras tipo, con cambios drásticos no réxime de usos (ampliación) e ocupación de plantas
Liberalízase o réxime de usos na totalidade de edificios da Cidade Vella (art. 142), Atochas-O Derribo (art. 143), Pescadaría Sur (art.144), Pescadaría Norte (art.145) e o Ensanche (art.146). E ademais, se autorizan plantas baixo rasante ocupando a totalidade da parcela e usos complementarios en planta inferior á baixa, planta baixa, primeira e plantas altas vinculadas á baixa.