O PEPRI aprobado permite destinar a vivendas os edificios das Fundacións
A Coruña, 14 de decembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que moitos dos edificios excluídos da cualificación de equipamento non só poden destinarse a vivendas, senón que pasan a incluírse nas zonas do todo vale e sen lei das áreas urbanas renovadas (AUR). As nacionalistas manifestan que unha das grandes e desastrosas novidades introducidas polo Goberno Local o 31 de outubro de 2014 é o das áreas urbanas renovadas, pois en tales AUR se substitúe a aplicación da normativa do PEPRI por outra totalmente liberalizadora.
Vivendas en edificios das Fundacións excluídas da súa cualificación como equipamento
A exclusión dos edificios das Fundacións como equipamento pola imposición do Informe municipal de 31 de outubro, salienta o Grupo Municipal do BNG, vén a permitir que estes edificios poidan ser destinados a vivendas, de seren ese o seu uso anterior. E non só iso senón que tamén, ao igual que en toda a zona PEPRI, permitirase a subdivisión das plantas para destinalas a vivendas (sen límite por planta).
Así, na aprobación provisional do PEPRI do Goberno do Sr. Negreira, suprímese a identificación como equipamentos dos edificios das Fundacións da antiga Caixa Galicia e da antiga Caixanova, da Fundación Barrié, da Fundación Once, da Fundación Paideia, da Fundación Luis Seoane...e, por tanto, ao seren excluídos de tal cualificación urbanística deixan de estaren suxeitos á ordenanza de equipamentos. As nacionalistas lembran que ditos edificios tiñan a consideración de equipamentos no PEPRI aprobado inicialmente, sendo o informe municipal de 31 de outubro o que impón este cambio, cando o equipo redactor do plan entregara 15 días antes o documento para aprobación provisional sen que esta mudanza constara. Concretamente no Informe municipal de 31/10/2014 sinálase o seguinte:
Esta nova situación na que os edificios das Fundacións se lles retira a cualificación urbanística dotacional, denuncian as nacionalistas, vai permitir que estes predios poidan ser destinados para vivendas (para uso e venta), de seren ese o uso anterior, como ben sinala o propio informe do Servizo de Urbanismo.
O territorio do todo vale e sen lei das áreas urbanas renovadas, en que se inclúen moitos dos edificios das nomeadas fundacións
Para alén disto, sinala o BNG, moitos dos edificios das fundacións, como o do antiga Caixa Galicia, o da Once ou o da Barrié, están incluídos nas áreas urbanas renovadas (AUR). Nestas áreas do todo vale e sen lei que salpican as distintas zonas continuas de ordenanza (Cidade Vella, Pescadaría Norte, Pescadaría Sur, Atochas-O Derribo e Ensanche), a normativa do PEPRI destas zonas é substituída por unha normativa totalmente liberalizadora.
Desta maneira, todo o que estea construído dentro destas áreas urbanas renovadas queda en situación de réxime de ordenación e, ademais, nestas áreas autorízanse as plantas baixo rasante e as unións funcionais (agás en edificios catalogados de grao 1 e 2) e o réxime de edificación e usos é moito máis amplo que nas restantes cinco áreas. Por tanto, os predios daquelas fundacións que estean nas AUR van quedar ao abeiro dun ordenanza moito máis laxa e flexíbel que a correspondente á normativa zonal onde están encadrados.
Un exemplo desta situación é a Fundación Barrié, que no PEPRI inicialmente aprobado tiña unha cualificación de equipamento sociocultural, SC-11, ordenanza Pescadaría Sur, e no PEPRI provisionalmente aprobado deixa de ter cualificación, pasando a entrar de cheo no ámbito de aplicación da ordenanza AUR.