Pacto entre o Sr. Negreira e empresarios para se eximiren do cumprimento da ordenanza de verteduras

Pacto entre o Sr. Negreira e empresarios para se eximiren do cumprimento da ordenanza de verteduras

A Coruña, 23 de marzo de 2015.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia que a modificación da Ordenanza municipal de verquidos, aprobada esta mañá na Xunta de Goberno Local, é consecuencia dun pacto perfecto entre o Goberno local e os empresarios de Agrela co fin de eximirse do seu cumprimento no que atinxe ao saneamento separativo de augas pluviais e fecais. O asunto é grave se se repara en que a ordenanza foi aprobada cos votos do Partido Popular, que no seu día alardeou de que era unha normativa que contaba co apoio de todos os empresarios, tendo en conta que agora, un ano e medio despois da súa aprobación, modifícase a gusto dos propios empresarios.

Nunha reunión que tivo lugar o 20 de febreiro de 2015, a Asociación de Empresarios de Agrela pediulle ao Goberno local adiar a obriga de acometer as obras necesarias para separar as augas pluviais e fecais escudándose en que a meirande parte dos viarios exteriores aos edificios non contan con rede municipal separativa. O Goberno do Sr. Negreira accedeu á petición dos empresarios, de modo que aprobou na Xunta de Goberno Local desta mañá introducir unha disposición transitoria á ordenanza de verteduras que pospón a obrigatoriedade de separar as augas pluviais e fecais até que a rede separativa exista na vía pública. Deste xeito, a separación das redes pluviais e fecais queda adiada no tempo sen marcar ningún tipo de prazo e sen exixir a aplicación de técnicas alternativas en orixe, malia o que estabelece tamén o propio artigo 11 da ordenanza sobre condicións previas á conexión, sinaladamente no seu apartado 2.

Neste sentido, hai que lembrar as alegacións presentadas polo BNG á aprobación inicial da Ordenanza municipal de verteduras, desestimadas polo Goberno do Sr. Negreira. Nelas, o Grupo Municipal do BNG xa advertira que, neste e noutros casos, debía terse en conta a obriga -recollida no artigo 5 do Regulamento Marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia- de desenvolver accións para a paulatina substitución das redes unitarias por redes separativas e a aplicación das técnicas de drenaxe urbana sustentábel en orixe cando non resultase posíbel a separación das redes, alegación que foi rexeitada polo Goberno local.

 

Pacto entre o Sr. Negreira e empresarios para se eximiren do cumprimento da ordenanza de verteduras