Os orzamentos e a política fiscal do PP enriquecen os seus amigos e renuncian a crear emprego
A Coruña, 26 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG votou esta mañá no Pleno extraordinario contra a aprobación definitiva dos orzamentos de 2013 e contra as ordenanzas fiscais e de prezos públicos, despois de que o Goberno do Sr. Negreira rexeitara todas e cada unha das reclamacións presentadas polos nacionalistas tanto ás contas como ás ordenanzas do ano que vén.
No que ten a ver cos orzamentos, a concelleira Ermitas Valencia puxo de manifesto que se trata dunhas contas "infladas artificialmente e erixidas sobre alicerces de lodo, en forma de previsións irreais" e advertiu de que "non axudan a impulsar o tecido económico da nosa cidade nin á creación de emprego". "Son un orzamentos que abandonan o pequeno e mediano comercio, as pemes e a industria; iso si, potencian os negocios dos seus amigos, nomeadamente, Autoridade Portuaria e Compañía de Tranvías", denunciou Valencia.
A concelleira do BNG criticou que os orzamentos medren por conta da cidadanía, que terá que pagar máis impostos, e alertou das previsións suicidas dos ingresos. "O seu Sr. Negreira é ficción contábel", sinalou. Aludiu ao PXOM, cuns ingresos que van ser moito menores, tal e como recolle o plan, e ás previsións respecto dos impostos municipais. Puxo como exemplo o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, co que se prevé recadar un total de 5,2 millóns, cando, o mes pasado, só se recadaran 2,44 millóns.
O Goberno municipal blinda as achegas públicas a empresas privadas, potenciando os negocios dos seus amigos
Valencia puxo de manifesto que "malia non estar asegurados boa parte dos ingresos, o Goberno municipal blinda as achegas públicas a empresas privadas, potenciando os negocios dos seus amigos". "Non se paran vostedes en axudar os comerciantes afogados pola crise, nin os 23.239 coruñeses e coruñesas no paro, nin o 20% das persoas que se atopan en risco de pobreza na nosa cidade, vostedes miran cara outro lado e prefiren seguir enriquecendo os seus", denunciou.
Así, criticou a subvención á Compañía de Tranvías. "Chama a atención que mesmo a Intervención Xeral advirte de que subvencionan vostedes a Compañía de Tranvías e non as persoas usuarias", sinalou. Neste punto, fixo alusión Valencia ás máis de 2.500 sinaturas de estudantado recollidas polos Comités "contra o saqueo do bus". E é que é, precisamente, o dos e das estudantes o colectivo máis afectado polo encarecemento das tarifas. Tamén citou Valencia o agasallo do Goberno municipal á Autoridade Portuaria, á que se lle perdoa a actualización do Imposto sobre Bens Inmobles. Perde o Concello por esta nova dádiva do Sr. Negreira ao Porto 1,09 millóns.
Pola outra banda, cualificou de estafa os orzamentos, ao evidenciarse que os ingresos que achega Emalcsa ás contas municipais son consecuencia do que pagamos a maiores os e as coruñesas polo servizo da auga. Os 4,2 millóns que achega Emalcsa para os orzamentos do 2013 derivan das taxas polo abastecemento e depuración de auga por un importe moi superior ao do custo do servizo. Ademais, puxo de manifesto que, tal e como vén denunciando o BNG desde hai meses, non hai cartos para O Parrote.
Capítulo aparte, afirmou Valencia, merece a Concellaría de Emprego e Turismo, que "non ten ningún plan; e o que é peor, ningún obxectivo". "O desemprego é a principal preocupación do pobo, mais para vostedes a principal preocupación é enriquecer os seus", sinalou. Así, denunciou as cuantiosas partidas de outros gastos diversos, que son as partidas coas que a Sra. Cid di xa verei que facer a medida que pasen os meses. Xa se verá, non si?. "Estas partidas aumentan un gran repunte, como tamén aumentan as partidas en publicidade, á vez que diminúen os fondos para reparar os mercados municipais", salientou.
No que ten a ver coa blindaxe dos servizos sociais da que presume o PP, Valencia acusou o Goberno municipal de provocar que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser unha cuestión de caridade. "Non se confundan, Sr. Negreira, vostedes non reforzan nin blindan os servizos sociais. Vostedes reforzan a caridade e a beneficencia", sinalou.
O BNG pide máis cartos para emprego, menos cartos para a Fundación Jove
Valencia criticou que o PP desestimase todas as alegacións do Grupo Municipal do BNG, que reclamaba eliminar a transferencia do millón de euros á Autoridade Portuaria e reducir as cantidades que o PP lles achega ao mantemento integral da cúpula panorámica e explotación do elevador, a outros traballos realizados por outras empresas, ao convenio da Fundación María José Jove, a outros gastos diversos en promoción turística e a publicidade e propaganda en fomento do emprego. Cos cartos das anteriores partidas, os nacionalistas pedían incrementar as partidas que tivesen como fin a loita contra o desemprego, as axudas a persoas emprendedoras, o apoio ao emprego e participación das mulleres e a promoción da igualdade.
Tamén solicitaban aumentar as partidas de educación ambiental, campañas sanitarias, reunións, conferencias e cursos, actividades culturais e deportivas, Fundación Luís Seoane, Plan municipal de persoas con discapacidade, produtos alimenticios, programa de erradicación do chabolismo, programas de promoción da xuventude, achega do centro asociado da UNED, actividades de fomento da lingua galega, actividades de participación cidadá, de reparación de mercados...
Por último, Valencia lamentou que "en vez de empregar as contas de 2013 como unha ferramenta para impulsar a economía e a creación de postos de traballo, vostedes elixen seguir alimentando os seus amigos e abdican, así, das súas responsabilidades".
O Goberno municipal desoe as máis de 1.800 reclamacións contra o encarecemento do recibo da auga
No que atinxe ás ordenanzas fiscais e de prezos públicos, a concelleira nacionalista Avia Veira explicou o voto en contra do BNG por seren "socialmente inxustas, supoñen un roubo para a inmensa maioría da cidadanía e un agasallo para os seus amigos, Sr. Alcalde". "Súballes a auga a todo o pobo, de media, 13 euros por recibo, e perdóenlle á Autoridade Portuaria a actualización do IBI e abran a porta a prestarlle gratis o servizo de extinción de incendios en Punta Langosteira. Como se a Autoridade Portuaria non gañar 17,3 millóns de beneficio o pasado ano. Sigan a enriquecer os seus amigos e a quitarlles o pan o pobo, que así nos vai", advertiu.
Sobre a suba do prezo da auga, Veira lembrou que o BNG entregou máis de 1.800 reclamacións contra unha estafa que lle afecta a 89.290 contratos. "É un roubo, non ten outro nome, porque a auga non é un capricho, como os seus pinchos ou Laponia, a auga é un ben de primeirísima necesidade que vostedes tratan como un ben de luxo", sinalou. Debullou, a continuación, os cambios na cota da taxa fixa a pagar, a suba do servizo de sumidoiros (que se duplica), a suba do servizo de depuración (que aumenta un 460%), a nova taxa de 12 euros pola alta do servizo e o aumento do 1,5% nas tarifas do subministro de auga aos concellos da comarca. Ademais de criticar o cambio do caudal contratado, que pasa do 1,5 m3/h a 2,5m3/h, denunciou o sobrecusto da auga, que contradí a Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos, que obriga a que as taxas municipais dun servizo como a auga só cubran custos de explotación e non máis.
A continuación, Veira reprobou o incremento das tarifas das instalacións deportivas, culturais e das taxas para a incineración de animais e centrouse no que cualificou "o máis sangrante": o perdón da actualización do IBI á Autoridade Portuaria mentres se lle cobra á Universidade da Coruña. "Mentres o pobo paga máis pola "contribución", a Autoridade Portuaria e Copasa, que xa levan un grande agasallo no Parrote, pagará menos. E isto, insistimos, malia os 17,3 millóns de euros de beneficios", advertiu. "O grave é que isto se traduce en que o Concello deixará de ingresar 1,09 millóns, uns cartos que poderían cubrir o copago os e das usuarias da axuda a domicilio", sinalou. "Estas son as prioridades do PP, amigo de perdoarlle a actualización do IBI á Autoridade Portuaria e de non cobrarllo á Igrexa católica e de facerllo pagar á UdC", engadiu.
Tamén se opuxo Veira ás tarifas que contemplan as ordenanzas polo uso das hortas urbanas, polas que van cobrar 50 euros en concepto de cota de inscrición e 25 euros mensuais polo seu cultivo, mentres en Lugo ou en Compostela son de balde. Ademais, recriminoulle ao Goberno municipal que lles faga pagar os 50 euros ás persoas que gañan menos do 75% do IPREM, é dicir, uns 5.000 euros anuais.
O PP tomba as reclamacións do BNG para unha política fiscal xusta e acepta a alegación da Autoridade Portuaria, á que lle dá un novo agasallo
A concelleira nacionalista lamentou que o Goberno municipal tombara todas as reclamacións presentadas polo BNG contra estas ordenanzas en base ao criterio de xustiza social, co fin de favorecer os colectivos máis afogados pola crise. "Porén, a vostedes pouco lles importa todo o que non sexa premiar os seus amigos poderosos", subliñou.
Entre outras medidas, o BNG pedía que non se incrementase o recibo da auga e que se adoptasen as medidas necesarias para mellorar o servizo e para abaratar o seu custe económico, garantindo, en todo momento, a súa calidade; unha bonificación de entre o 50 e o 90% da cota íntegra do IBI ás familias numerosas, no seu novo concepto, e que non se lle conxelase o IBI á Autoridade Portuaria, de modo que este tipo pasase do 0,6% para o 1,3%. Ademais, no que respecta aos prezos públicos, os nacionalistas reclamaban unha bonificación do 100% da cantidade a pagar aos desempregados e ás persoas perceptoras da pensión mínima, que o uso das hortas for de balde e que non se incrementasen as tarifas por incineración de animais.
Por último, Veira deu conta da "sorpresa" destas ordenanzas fiscais e de prezos públicos: un novo agasallo á Autoridade Portuaria, que se suma á conxelación do IBI. E é que o Goberno municipal asumiu unha das reclamación presentadas pola Autoridade Portuaria á ordenanza fiscal número 8, reguladora da taxa por prestación do servizo de extinción de incendios, salvamento e outros. "Até agora, segundo esta ordenanza, a prestación do servizo municipal en materia de extinción de incendios só podería cinguirse ao porto da Coruña, é dicir, ao termo municipal, e nunca máis alá", explicou. Porén, ao aceptarse a reclamación da Autoridade Portuaria, o Goberno municipal abre a porta a que esteo servizo de extinción de incendios, salvamento e outros se lle preste gratuitamente á Autoridade Portuaria, e por conta da cidadanía da Coruña, no porto exterior. "E iso que é a Autoridade Portuaria, e non a cidadanía da Coruña, quen ten a obriga, e tamén ten recursos, de contar con estes servizos de extinción de incendios, salvamento e seguridade", concluíu.