O BNG chama a cidadanía a secundar a folga para frear o roubo á cidadanía
A Coruña, 12 de novembro de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia participou esta mañá nun reparto de material informativo sobre a folga xeral, en que tamén tomou parte a próxima edila nacionalista, Avia Veira, para chamar a cidadanía a secundar masivamente este paro e a participar coa CIG na manifestación conxunta que partirá ás 12h desde a praza da Palloza. En declaracións aos medios, Valencia apelou a frear o roubo á cidadanía, porque, de non ser así, non hai futuro. Unha parte da cidadanía estase a enriquecer a costa da outra; é dicir, as persoas ricas, son cada vez máis ricas, e as pobres, máis pobres, e isto debido ás políticas esmagadoras do PP, sinalou.
Na mesma liña, Valencia fixo alusión aos vindeiros recortes que aplicará o PP, meténdolle a man no peto das persoas pensionistas, acelerando o atraso da xubilización aos 67 e con novas privatizacións dos servizos sociais. Tamén puxo de manifesto as consecuencias das reformas laborais, que lonxe de crear emprego, destrúen postos de traballo, e alertou sobre as reformas da negociación colectiva, que se traducirá nunha caída xeneralizada dos salarios e na precarización masiva do traballo. En definitiva, as políticas de empobrecemento que nos aplica o PP lévanos cara a un abismo en que só poderán acceder aos servizos como sanidade ou educación ás persoas máis pudientes, alertou.
Temos dúas opcións: ou resignármonos e sumirnos na pobreza á que nos condena o PP ou ergúermonos e reaxir porque hai outras políticas, políticas que garanten outro modelo máis xusto e democrático, salientou. A convocatoria de folga xeral é o único xeito que temos de responder masivamente a estas medidas de empobrecemento e de asfixia social, sinalou. Contra as axudas á banca, contra o recorte das liberdades públicas, contra a precarización das condicións laborais e contra as políticas de recortes, que fan que caia o consumo, temos a mobilización como única vía para garantirmos o noso futuro e o das nosascrianzas,engadiu.
Desafiuzamentos: O BNG presentou unha proposta para a dación en pago que foi rexeitada polo PP e polo PSOE
Ermitas Valencia tamén se referiu aos desafiuzamentos, acusando os asasinos sen alma destas situacións que levan á pobreza extrema e mesmo á morte as persoas. Os responsábeis teñen nome: son a banca, o PP e o PSOE, que meteron miles de millóns de euros de todas e todos nós para que os bancos fagan o que lles veña en gana, afirmou.
A este respecto, lembrou que o BNG presentou, hai máis dun ano, unha proposta para a reforma da lei hipotecaria e para a dación en pago, unha iniciativa que foi rexeitada cos votos en contra do PP e do PSOE, aos que acusou hoxe de querer facer un lavado de cara para teren a conciencia tranquila. As mortes poderían evitarse de teren adoptado, tanto o Goberno de Zapatero como o de Rajoy, as medidas necesarias para reformar a lei hipotecaria.