O Sr. Negreira renuncia a combater o paro e a crise a través dos orzamentos municipais
A Coruña, 12 de novembro de 2012.- Nunha primeira valoración dos orzamentos municipais, aos que o Grupo Municipal do BNG tivo acceso hoxe, os e as nacionalistas consideran que o PP abdica das súas responsabilidades para combater a crise e para frear o paro, que lle afecta na cidade a 22.929 persoas. O desemprego é o principal problema da cidadanía, mais non o é do Goberno do Sr. Negreira, que non traslada esta preocupación ás contas municipais.
De feito, o Grupo Municipal do BNG carga, en primeiro lugar, contra os orzamentos da Concellaría de Emprego e Turismo, área para que as contas municipais son un trámite burocrático e non a principal ferramenta coa que pode actuar o Goberno e marcar as súas prioridades. Así, a concellaría que dirixe a Sra. Cid demostra unha tremenda falta de planificación ao aumenta a partida de "outros gastos diversos" na área de fomento do emprego dos 2.500 euros de 2012 aos 381.840 euros para o 2013. Demóstrase que o Goberno municipal carece de ideas coas que atallar o desemprego e a crise que sofren os sectores produtivos, ao rexistrar esta espectacular suba na partida do "xa verei que facer cos cartos".
Tamén carece de planificación a concelleira Cid ao aumentar os "outros gastos diversos" na área de desenvolvemento empresarial, que pasa de 1.500 euros de 2012 a 41.114 euros para 2013. Esta mesma partida, na área de ordenación e promoción turística, sobe dos 50.000 euros de 2012 aos 70.000 para o 2013.
De 1,1 millóns a 3,5 millóns de incremento para o Consorcio de Turismo
En relación ao turismo, chama a atención que o Goberno aumente a partida de 1.116.000 millóns de 2012 a 3.500.000 para o 2013 en transferencias ao Consorcio de Turismo, unha manobra do Sr. Negreira para escapar da xestión da Corporación municipal. Ademais, o BNG sinala que o Concello da Coruña non pode asumir en solitario o mantemento das compañías aéreas en Alvedro e critica o desleixo do Goberno amigo da Xunta de Galiza. Engaden os e as nacionalistas que meter cartos nas compañías aéreas deste xeito desordenado e unilateral non é a mellor saída para a creación dun sistema aeroportuario galego en clave de cooperación e colaboración, que será o que saque o aeroporto coruñés da condición periférica que sofre.
Ademais, os e as nacionalistas critican o aumento en publicidade e propaganda na área que dirixe a Sra. Cid. Pasa de 20.000 euros nos orzamentos de 2012 aos 49.400 de 2013. O que se nota e que
O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira renuncie a crear postos de traballo e a dinamizar a economía local ao diminuír a partida destinada a mantemento e reparación dos mercados, un dos sectores estratéxicos da cidade. Así, de contar con 69.000 euros no 2011, pasaron a contar con 50.000 neste 2012 e a contar, tan só, con 38.000 euros nos orzamentos de 2013.
O Sr. Negreira presume de aumentar os ingresos por conta da suba dos impostos á cidadanía
Por último, o BNG critica que o Sr. Negreira presuma de aumentar o capítulo de ingresos, xa que vai por conta da suba de impostos que sufrirá a cidadanía. Entre o aumento da presión fiscal, os e as nacionalistas salientan a suba do recibo da auga, do IBI, do uso das instalacións deportivas e culturais, dos servizos relacionados cos animais domésticos e o novo imposto sobre as hortas urbanas.