A Orde da Xunta sobre o PXOM é moi clara: a aprobación definitiva está condicionada a cambios

A Orde da Xunta sobre o PXOM é moi clara: a aprobación definitiva está condicionada a cambios

A Coruña, 28 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira ou non se entera ou non se quere enterar: pode dicir o que queira, levar o PXOM de novo a Pleno ou non levalo, mais o texto da Orde da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de 25.02.2013, é moi claro. Esta resolución da Xunta de Galiza sinala, no seu apartado 1, que a o outorgamento da aprobación definitiva do Plan Xeral está “condicionado á introdución das modificacións contidas no apartado II desta Orde”. Ademais, no seu apartado 2, advierte de que “cómpre achegar un documento refundido, que introduza estes cambios”.

Isto quere dicir que o documento do PXOM só se entende aprobado definitivamente se se introducen tales modificacións, razón pola que é preciso achegar un novo texto refundido en que se inclúan tales cambios. E como os cambios non son menores nin simples correccións de erros, resulta claro, aínda que non o quera dicir o Goberno municipal, que o PXOM debe ir de novo a Pleno, advirte o Grupo Municipal do BNG. As nacionalistas salientan que é o Pleno da Corporación o único órgano competente para a aprobación do documento refundido do Plan Xeral que inclúa os cambios e modificacións sinaladas na Orde da Xunta de Galiza.

E máis, cando tales cambios son substanciais. A meirande parte das 28 modificacións afectan a cuestións esenciais e normativas do PXOM. Así, quedan afectados tanto planos de ordenación, como fichas e datos fundamentais da memoria, conclúen as nacionalistas.

 

A Orde da Xunta sobre o PXOM é moi clara: a aprobación definitiva está condicionada a cambios