Bravo esixe máis financiamento para a sanidade pública no Día das enfermidades pouco frecuentes

Bravo esixe máis financiamento para a sanidade pública no Día das enfermidades pouco frecuentes

A Coruña, 28 de febreiro de 2012.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo reivindica un maior financiamento para a sanidade privada, un eido ateigado de “decretos lei aprobados polo PP para aplicar recortes, privatizacións e repagamentos, non só das mediciñas senón tamén proximamente do transportes sanitario e fármacos dos hospitais”. “Estes recortes do PP na sanidade galega están a afectarlles a todos os usuarios e usuarias e, nomeadamente, a colectivos como o das persoas con enfermidades crónicas e pouco frecuentes, que necesitan maiores atencións e coidados”, advirte Bravo, quen engade que os retallamentos e as privatizacións “atentan contra o dereito á plena igualdade para as persoas que padecen enfermidades pouco frecuentes”.

A edila do BNG reivindica máis investimento para a sanidade, porque “tanto no Estado español como en Galiza, a sanidade está subfinanciada”. No caso concreto das doenzas pouco frecuentes, Bravo chama a atención sobre a necesidade de reforzar os protocolos de detección precoz e as investigacións para tratamentos específicos. Tamén salienta a necesidade de actuar sobre a base de tres principios: “equidade para os pacientes na asistencia social e sanitaria; equidade nos seus dereitos sociais básicos, saúde, educación, emprego e vivenda, e equidade nos tratamentos, terapias e medicamentos necesarios para tratar a enfermidade”. Apela, ademais, a non esquecer as familias das persoas afectadas por este tipo de doenzas pouco frecuentes e crónicas. Por iso, reclama axudas para a asistencia familiar.

A concelleira do BNG visitará, a partir das 19h, as mesas informativas instaladas pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se conmemora na xornada de hoxe.

 

Bravo esixe máis financiamento para a sanidade pública no Día das enfermidades pouco frecuentes